O Campus do Mar, o Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (XEOMA) do CIM-UVigo, a Facultade de Ciencias do Mar e a Asociación de Oceanógrafos de Galicia, participan, entre o día 31 de maio e 1 de xuño en “Pontenciencia: Feira da Miniciencia”, unha feira de proxectos de investigación escolar aberta ao público.
A feira celebrase no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, e está composta por un espazo expositivo cos proxectos dos participantes e da comunidade universitaria, un espazo de proxección audiovisual cun programa de audiovisuais relacionados co mundo da investigación e da ciencia e un espazo interactivo con actividades dirixidas a potenciar e dinamizar a feira, incluíndo opcións axeitadas a cada idade.
O grupo XEOMA do CIM-UVigo participou o día 31 de maio cun obradoiro sobre Formación, dinámica e composición de praias, onde os rapaces poideron aprender qué son as praias e cómo cambian ao longo do ano, así como o importante papel que xogan na dinámica litoral, cales son os sedimentos que as forman e o traballo dos investigadores neste campo. Os poñentes aproveitaron a xornada para sensibilizar sobre os riscos e ameazas aos que están expostas as praias como consecuencia do cambio climático, as accións antropoxénicas no litoral ou a contaminación mariña.
O sábado día 1 de xuño, a Asociación de Oceanógrafos e a Facultade de Ciencias do Mar organizaron unha actividade centrada na pesca sustentable coa finalidade de dar a coñecer a distribución de caladeros e zonas de pesca onde faena a flota española e que os rapaces identifiquen as tallas mínimas, aquelas especies de interese comercial así coma as máis pescadas nas nosas Rías.
Este ano o evento incluíu coma novidade a visibilización das empresas do entorno, convidando a participar ás empresas que dentro das súas competencias desenvolven procesos de I+D+I.
Consulte o programa completo aquí
Fonte: Campus do Mar