O VI International Symposium on Marine Sciences, ISMS, xa abriu as súas portas no Auditorio Mar de Vigo, onde durante tres días arredor de 500 investigadores e investigadoras reunirán todo o coñecemento científico nacional e internacional dos distintos eidos do mundo mariño. O ISMS está promovido pola Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar de España e as universidades de Vigo, Valencia, Gran Canaria, Barcelona, Cádiz e Alacante, CSIC e Instituto Español de Oceanografía e conta tamén nesta edición coa colaboración do Concello de Vigo quen promove un workshop de investigación e debate científico para apoiar a candidatura do arquipélago das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. Tamén conta coa colaboración da empresa de tecnoloxía mariña Oceomic e do laboratorio CIFGA.
O ISMS é un congreso de congreso, e por primeira vez o simposio aglutina seis congresos internacionais: o International Symposium on Marine Sciences (ISMS), o V Encontro de Oceanografía Física (EOF), o XIX Seminario Ibérico de Química Mariña (Siquimar), a XIII Reunión Ibérica de Algas tóxicas e biotoxinas mariñas (Redibal), o International Science Conference do Campus do Mar (ISC CDM) e o workshop Patrimonio Cíes, impulsado e promovido polo Concello de Vigo.
Durante tres días danse cita investigadoras e investigadores de 74 cidades de países como España, Portugal, México, Colombia, Costa Rica, Arxentina, Chile, Perú, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia e Tunisia. Con 420 comunicacións e pósteres, o ISMS servirá de escaparate dos avances científicos que se están a conseguir en distintos eidos. Ademais, contará coas conferencias plenarias da botánica e algóloga Marina Montesor da Estación Zoolóxica de Nápoles; o investigador do Marum de Bremen Oscar Romero, que estuda os efectos dos cambios na biodiversidade e o clima sobre a función crítica dos ecosistemas mariños e dos ciclos bioxeoquímicos; a investigadora da Universidade de Lieja Aida Alvera, que traballa na implementación e validación de modelos hidrodinámicos 3D ou os investigadores Jorge Cortés, da Universidad de Costa Rica e Jörg Schéfer, da Universidade de Burdeos e Ricardo Torres, do Plymouth Marine Laboratory.
“Que Vigo sexa a cidade de acollida deste evento é moi relevante, xa que o 40% da investigación de Ciencias do Mar nacional faise aquí”, subliñou Belén Rubio, coordinadora o simposio e vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigoo, que recalcou que a cidade conta coa maior concentración de centros de investigación mariña e de empresas con unidades propias de I+D+i, así como cunha sede da Axencia Europea de Pesca, o que sitúa Vigo “no centro da vangarda da investigación mariña”.