Industria 4.0, novas tecnoloxías, cambio climático… son moitos os retos de futuro que poden afectar ao traballo que desenvolven os profesionais do eido marítimo e pesqueiro. Para actualizar e mellorar as súas competencias, a Autoridade Portuaria de Vigo presentou este luns un proxecto formativo que contempla diferentes cursos de balde para que as e os profesionais poidan renovar os seus coñecementos en relación aos cambios sociais, ambientais, tecnolóxicos e industriais. Nesta iniciativa, o Porto de Vigo conta co apoio da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, o Campus do Mar, Campus de Excelencia Internacional del Mar (Andalucía) e a Autoridade Portuaria de Huelva, xa que as accións se dirixirán a ambas comunidades autónomas para ofrecer unha visión real sobre as necesidades de mellora profesional marítimo-portuaria en cada un dos territorios. A finalidade última do programa é xerar unha formación aliñada cos cambios globais e, de maneira particular, coa estratexia de crecemento azul do Porto de Vigo.
Na presentación oficial que tivo lugar este luns participaron o presidente da APV, Enrique López Veiga; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta, Susana Rodríguez, e a directora da Autoridade Portuaria, Beatriz Colunga. O responsable do Porto explicou que a finalidade desta iniciativa é dar resposta ás “principais necesidades” trasladadas polos axentes, principalmente referidas ás industria 4.0 e as TIC. “Buscamos proporcionar unha oferta formativa de calidade para actualizar os coñecementos do persoal, porque debemos asumir que temos que perder prácticas antigas que xa non se axustan á comercialización moderna”. Neste sentido, defendeu a necesidade de apostar polas novas tecnoloxías para non perder competitividade. Na mesma liña, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, apuntou á formación como “a mellor forma de visualizar que a perda dos traballos que coñecemos pola incidencia das novas tecnoloxías nos anima a ser capaces de anticipar os traballos que veñen”. Mato destacou tamén a importancia da alianza entre o Campus do Mar e o Porto de Vigo que permitiu crear “un ecosistema de innovación” que achega contido á estratexia de crecemento azul que abriu un camiño con grandes posibilidades para fabricar futuro”.
Tras a presentación tivo lugar unha mesa redonda na que os axentes implicados e ligados ao sector marítimo portuario afondaron nas necesidades e retos para alcanzar a mellora profesional e contribuír así ao desenvolvemento da economía azul. Nesta debate participaron, entre outros, a responsable de captación de talento de Campus do Mar, Elsa Vázquez, que falou sobre o rol da Universidade no desenvolvemento das carreiras azuis.
O primeiro curso, sobre industria 4.0
As accións formativas, que serán de balde, desenvolveranse ao longo de 2018 e grazas a elas máis de 165 persoas recibirán formación especializada e máis de 250 asesoramento específico. O programa enfocarase a unha tripla perspectiva: por unha banda, promover a cualificación profesional; por outra, xerar emprego de calidade e unha terceira, potenciar a competitividade da economía marítimo-portuaria dende a sostenibilidade social e ambiental.O primeiro curso, centrado na industria 4.0, arrancará o próximo 2 de maio e está dirixido a persoal directivo e mandos intermedios con competencias para a toma de decisións e ligados ao sector portuario e pesqueiro. A docencia estenderase ao longo dos meses de maio e xuño co obxectivo de dotar ás persoas participantes de coñecementos, habilidades e ferramentas prácticas baseadas na incorporación das novas tecnoloxías, para a adaptación dos procesos industriais e operativos aos cambios tecnolóxicos, ambientais e normativos. O prazo de inscrición no curso está aberto, o número de prazas é limitado e a matrícula, de balde.
Outras accións formativas e de asesoramento
Están previstos outros dous cursos, relacionados por un lado co cambio climático e as ferramentas de xestión como a pegada de carbono ou as enerxías limpas e, por outro, con formación específica en operador portuario, onde, a través simuladores, preténdese formar no manexo de maquinaria tecnoloxicamente avanzada.
Todos os cursos incluirán, de maneira transversal un módulo de sostenibilidade no que se traballarán conceptos como enerxías limpas, xestión ambiental e ferramentas que permitan a eficiencia na minimización do impacto ambiental das operacións marítimo-portuarias. Paralelamente deseñouse tamén unha liña de asesoramento a través da que se promove a mellora da empregabilidade e da cualificación profesional dos traballadores do sector marítimo-pesqueiro e portuario. Para isto, prestarase asesoramento individualizado a través de asistencia presencial, telemática e telefónica e coa celebración de xornadas específicas.
Fonte: DUVI