Tras cinco anos colaborando no desenvolvemento de diferentes iniciativas, Campus do Mar dá un salto cualitativo na súa relación con institucións académicas e de investigación de Cabo Verde coa sinatura dun protocolo entre a Universidade de Vigo a súa homóloga africana para promover o emprendemento nos sectores estratéxicos relacionados coa economía marítima. O proxecto “Emprendemento no mar. Innovación para o desenvolvemento sostible das comunidades costeiras de Cabo Verde, Empreamar CV” está subvencionado con preto de 73.000 euros, que a Presidencia de la Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, AECID, concedeu á Universidade de Cabo Verde. A reitora Judite da Encarnação Medina do Nascimento foi a encargada de asinar co seu homólogo da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a través dunha videoconferencia, o protocolo de colaboración.
“É unha forma de colaboración novidosa que pode dar bos resultados e abrir un novo camiño no xeito de traballar que teña impacto no desenvolvemento dos nosos pobos”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, que lembrou os bos resultados que Empreamar está a ter en Galicia, primeiro en Muros e na actualidade en Moaña, e ao que se referiu no caso de Cabo Verde como “un salto na forma de enfrontar o emprendemento e unha novidade porque se establece de a través da AECID”. Pola súa banda a reitora caboverdiana incidiu na importancia de asinar este protocolo, que permite “dar continuidade á colaboración que mantemos co noso parceiro, a Universidade de Vigo, coa que traballamos en áreas prioritarias para nós”. Mentres, o coordinador xeral da Oficina Técnica de Cooperación de AECID, Jaime Puyoles, sinalou que “na Axencia buscamos formas novidosas de que con proxectos cun financiamento modesto teñamos impacto e este é un bo exemplo que nos servirá para ver si é unha idea axeitada para focalizar a nosa cooperación neste país”.
Xunto aos reitores das universidades de Vigo e Cabo Verde participaron na sinatura do protocolo o comisionado de Campus do Mar, Emilio Fernández, así como outros representantes da embaixada española en Cabo Verde e do equipo de Goberno da institución académica africana.
Emprendedores, docentes, persoal investigador e técnicos, beneficiarios do proxecto
O proxecto “Emprendemento no mar. Innovación para o desenvolvemento sostible das comunidades costeiras de Cabo Verde, Empreamar CV” pretende promover o emprendemento entre os sectores estratéxicos relacionados coa economía do mar e nel poderán participar unha vintena de mozas e mozos dispostos a desenvolver proxectos empresariais na área da economía marítima; unha decena de docentes e investigadores da Universidade de Cabo Verde, que se beneficiarán do intercambio de experiencias con programa similares con Campus do Mar e outros países de África e unha vintena de técnicas e técnicos de institucións involucradas e empresas relacionadas coa economía do mar. Contribuír á mellora da calidade de vida das persoas dependentes da economía do mar a través da implementación de solucións innovadoras baseadas na promoción do emprendemento sostible e rendible é obxectivo xeral deste proxecto que liderará a Universidade de Cabo Verde.
Actividades programadas para acadar catro resultados
Incrementar o coñecemento do ecosistema emprendedor e das oportunidades de emprendemento que ofrece a economía azul desde a innovación social en Cabo Verde é o primeiro dos resultados que se agarda acadar neste programa e para o que se desenvolverá un estudo diagnóstico e unha liña base colaborativa do ecosistema emprendedor e oportunidades de negocio, así como un plan de acción para o reforzo de capacidades da Unidade de Emprendemento da Universidade de Cabo Verde desde a súa estratexia de Universidade Emprendedora.
Para acadar o obxectivo de deseñar e implementar o programa Empreamar Cabo Verde, deseñarase por parte dun equipo de traballo o programa e deseñarase e implementarase tanto, o proceso de selección de candidatos a partir das ideas de negocio, que tamén deberán ser definidas, como o Programa de Capacitación e Acompañamento aos emprendedores, ao tempo que se realizará unha identificación final de plans de negocio viables e deseño de estratexias dirixidas á fase de aceleración.
Outra das fontes de traballo será a promoción da colaboración público-privada nos ámbitos local e nacional no marco da promoción do desenvolvemento empresarial arredor do mar como oportunidade de diversificación económica. Para acadar este obxectivo, crearase e xestionarase un grupo e traballo permanente de carácter público-público arredor do emprendemento da economía do mar no marco da Universidade Emprendedora, ao tempo que se analizarán as capacidades de colaboración no marco do apoio ao emprendemento mariño e deseñarase e implementarase un Plan de acción de colaboración pública-privada integrado no deseño do programa Empreamar.
Xa por último, co obxectivo de sensibilizar á poboación local e nacional sobre a importancia do aproveitamento sostible dos recursos mariños en pro do desenvolvemento económico, social e ambiental, deseñarase e implantarase unha estratexia de divulgación e comunicación asociada a Empreamar.
Cinco anos de colaboración e tres proxectos conxuntos
Coa sinatura en xaneiro de 2012 dun memorando de entendemento entre a Universidade de Cabo Verde, Campus do Mar e o Instituto Nacional do Desenvolvemento das Pescas, comezaba unha colaboración entre a Universidade de Vigo e as institucións académicas e de investigación de Cabo Verde que, pasados cinco anos, materializouse en tres proxectos, o asinado hoxe e outros dous.
Fortalecemento da investigación e formación académica en Cabo Verde para favorecer un desenvolvemento mariño sostible, foi a primeira das iniciativas conxuntas, que con financiamento da Xunta de Galicia e das institucións participantes permitiu subvencionar a realización de catro teses de doutoramento; a realización dun curso de especialización en Cabo Verde para persoal investigador; o deseño dun programade doutoramento en Ciencias e Tecnoloxías do Mar no país africano e a montaxe dunha sala de videoconferencias. Pola súa banda, Fortalecemento de institucións académicas e de investigación en Cabo Verde como contribución ao desenvolvemento social, económico e ambiental do sector mariño, asinado en 2015 e financiado de novo pola Xunta e as institucións académicas, permitiu dar continuidade ao primeiro proxecto, así como o inicio do Programa de Doutoramento Mariño en Cabo Verde e a continuación das actividades iniciadas.
Fonte: duvi