Dous investigadores do CIM achegan o seu coñecemento ao informe sobre xestión sostible de zonas costeiras para o Congreso dos Deputados

Dous investigadores do CIM achegan o seu coñecemento ao informe sobre xestión sostible de zonas costeiras para o Congreso dos Deputados

Gonzalo Méndez e Nerea Piñeiro sumaron a súa experiencia á dunha trintena de expertos para incluír o coñecemento científico na toma de decisións da Cámara Baixa

“A Oficina de Ciencia y Tecnología del Congreso de los Diputados (Oficina C) é unha iniciativa que pretende achegar ou enlazar a comunidade científica cos deputados e deputadas, facilitando o acceso ao coñecemento científico e a súa inclusión na toma de decisións do Congreso, todo co apoio da FECYT, a Fundación Española para la Ciencia y Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades”. Neste termos explica Gonzalo Méndez, docente e investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o obxectivo da Oficina C do Congreso de los Diputados para a que el, e a investigadora Juan de la Cierva no CIM Nerea Piñeiro, elaboraron, xunto a científicos e científicos nacionais e internacionais, un informe sobre a xestión sostible de zonas costeiras.

O denominado Informe C Gestión sostenible de zonas costeras, foi, xunto a outros estudos sobre materias como a prevención activa do suicidio, a intelixencia artificial ou os materiais críticos na transición enerxética, recentemente presentado no transcurso dunha mesa redonda celebrada no Congreso de los Diputados, na que o investigador do CIM-UVigo tomou parte xunto a outras autoras do informe. “É unha moi boa oportunidade para participar nunha experiencia de evidente transferencia, de traballo colectivo con expertos de campos profesionais concorrentes e de aproximación á toma de decisións no máis alto nivel”, asegura o docente e investigador da UVigo, que tamén recoñece a satisfacción profesional de resultar escollido para o panel de expertos que elaboraron o informe.

A UVigo, a única que participou con dous expertos

Na redacción do estudo tomaron parte unha decena de investigadores da propia Oficina C e vinte expertos e expertas científicas de diversas universidades e centros de investigación, na súa maior parte españois, pero tamén de Singapur, Xapón e Reino Unido, liderados por Rüdiger Ortiz-Álvarez, da Oficina C. “A única institución que participou con dous expertos foi a Universidade de Vigo”, detalla Méndez.

Os Informes C elabóranse seguindo unha metodoloxía establecida pola Oficina C, logo que a Mesa do Congreso escolla os temas, a partir dese momento, confórmase un equipo liderado por un membro da oficina e iníciase unha completa revisión bibliográfica e entrevistas personalizadas a todos os e as expertas científicas escollidas. A continuación, redáctase unha primeira versión do informe, que será revisado varias veces ata chegar á versión final. No caso dos investigadores da UVigo, Nerea Piñeiro incorporouse aos traballos o pasado mes de febreiro, mentres que Gonzalo Méndez o fíxo a principios de xuño.

Fonte: DUVI