O CIM consegue máis de 212.000 euros de fondos para investigación do Plan Nacional

UVigo e Deputación escollen dous proxectos de investigadoras do CIM para contribuír ao desenvolvemento da provincia

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo continúa coa súa excelencia, tamén coa captación de fondos para proxectos de investigación da convocatoria 2023 do Plan Nacional, concedidos polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O CIM acadou 212.450 euros para o financiamento de dúas iniciativas de investigadoras e investigadores do centro, unhas axudas dirixidas á realización de proxectos de investigación dirixidos a fomentar a xeración e o avance significativo do coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada e a avanzar cara a busca de solucións aos principais desafíos da sociedade.

Un dos proxectos financiados será ‘Análisis multidisciplinar de alta resolución da evolución sedimentaria dun valle inciso en basamento rocoso durante a transgresión mariña: Ría de Vigo, no Ibérico’, unha iniciativa que se centra no estudo dos sedimentos na Ría de Vigo para reconstruír a historia xeolóxica da zona. A través deste traballo, as e os investigadores buscan comprender mellor como era a Ría de Vigo cando era valle e analizar os ritmos de subida do nivel do mar que deron lugar á súa configuración actual. Este estudo permitirá obter información valiosa sobre a evolución do ecosistema mariño da ría ao longo dos milenios.

O segundo proxecto, titulado ‘Predicting oxygen metabolism for improved estimation of CO2 storage in a changing ocean’, ten como obxectivo mellorar as estimacións sobre a capacidade de almacenamento de dióxido de carbono (CO2) nos océanos en resposta ao cambio climático. A través da predición do metabolismo do oxíxeno no mar, o persoal investigador poderá afinar os cálculos sobre a cantidade de CO2 que os océanos poden almacenar de forma eficaz. Este proxecto, de gran relevancia para a loita contra o cambio climático, contribuirá a mellorar os modelos de predición que axudan a estimar o papel dos océanos como sumidoiros de carbono e a súa capacidade para mitigar o impacto ambiental do CO2.

Enmarcados dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación (2021-2023), a inxección económica acadada pola Universidade de Vigo ascende a un total de 5.282.250 euros, cantidade que se distribúe entre 40 proxectos de investigación que se levarán a cabo nos tres campus da UVigo ata finais de agosto de 2027 ou 2028, dependendo da duración de cada un deles -tres ou catro anos-. Este ano solicitáranse un total de 91 proxectos e, finalmente, concedéronse 40, o que sitúa a taxa de éxito nun 44%, unha cifra moi similar á acadada o ano pasado -46%- cando a institución académica viguesa -tamén con 40 proxectos concedidos- conseguira acadar o seu máximo histórico.

Fonte: DUVI