Dirixida a achegar á cidadanía o labor do persoal investigador, terá lugar o venres 31 na Ferraría. Englobará unha serie de obradoiros, actividades lúdicas e charlas divulgativas
Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o venres 31 de maio. Nesta xornada, a praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que diferentes grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos. O evento desenvolverase entre 16.30 e as 19.30 horas e comprenderá tamén dúas presentacións de libros divulgativos e un coloquio sobre a alimentación do futuro, así como un xogo de rol sobre as consecuencias da crise climática, que terá lugar no Museo de Pontevedra.
Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+I) da UVigo, esta feira científica forma parte do programa anual de actividades 2023/2024 do plan Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Pontevedra. Baixo o lema de Inflorescencia, neste evento outórgase especial importancia o papel da muller na ciencia e na investigación, ofrecendo unha vez máis a posibilidade de achegarse ao labor das investigadoras da Universidade, e despois de celebrar en Vigo as súas dúas primeiras edicións, trasladase neste 2024 a Pontevedra.
Grupos de investigación do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) participarán nesta actividade dando a coñecer o seu labor. Entre outras propostas, da man do grupo XB2 aos e ás visitantes poderán construír unha dobre hélice de ADN con gominolas, mentres que o grupo Mapas Lab convidará a explorar a evolución da vida na Terra pintando réplicas en escaiola de fósiles ou participando nun “xogo de supervivencia”. Neste abano de propostas insírese tamén a piscina de bolas na que o Grupo de Ecoloxía Animal animará os participantes a coñecer a biodiversidade do solo localizando bacterias, fungos e animais.
Fonte: DUVI