Trátase da segunda edición do certame. Tres investigadoras do CIM recibirán 1000 euros por categoría e 500 euros por mención especial para material informático ou para asistir a congresos
Como parte das conmemoracións do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) celebrou a entrega dos premios do concurso Marie Tharp 2023 para mulleres investigadoras. Concretamente, na categoría postdoutoral junior a gañadora foi Sara Comesaña; na categoría predoutoral, Estefanía Pereira; e houbo unha mención especial para Elisa Osorio. O obxectivo do concurso era que as científicas do centro contasen o seu traballo nun vídeo dun minuto e estaba dotado cun premio de 1000 euros por categoría e 500 euros por mención especial para adquisición de material informático ou asistencia a congresos.
Nesta segunda edición presentáronse un total de nove pezas audiovisuais que se irán difundindo nas redes sociais do CIM. O vídeo de Estefanía Pereira trataba un tema de gran actualidade: a contaminación por microplásticos, xa que a súa investigación centráse en estudar como afectan aos ecosistemas mariños. Por outro lado, Sara Comesaña explicaba con imaxes o seu traballo no ámbito da sostibilidade da acuicultura a través do estudo da viabilidade de novos ingredientes para piensos de rodaballo. No caso de Elisa Osorio, a peza audiovisual afondaba tamén na acuicultura pero, no seu caso, a investigación versa sobre control parasitario en cultivos de ourizo de mar co obxectivo de desenvolver este sector en Galicia.
No acto, en representación da Comisión de Igualdade e Sustentabilidade do CIM, que convocou o certame, interviu a súa presidenta, Ana Bernabeu, que afirmou que “a comisión trata de promover accións de igualdade no centro para impulsar as carreiras das investigadoras do mesmo para que nos próximos anos poidamos deixar de falar deses gráficos de tesoiras, tubaxes que gotean, de teitos de cristal, etc”. Ana Bernabeu sentenciou que “as investigadoras do CIM, do mesmo xeito que os nosos colegas investigadores, facemos ciencia de calidade e excelente e, como centro de investigación, non podemos perder todo ese traballo e todo o que achegan as investigadoras”. “Debemos conservalas e mantelas na carreira investigadora e que formen parte do noso centro para que o enriquezan co seu traballo e coa súa visión diferente, que pode dar un plus a toda a investigación mariña que se está realizando”, engadiu.
Unha iniciativa consolidada
Respecto do premio, incidiu en que “é unha iniciativa que se vai consolidar e que quedará como herdanza no CIM”. Ademais, sinalou que “con el buscamos difundir esa ciencia excelente e dar apoio decidido ás investigadoras novas dos noso centro”. Bernabeu tamén recoñeceu que “a selección foi moi difícil porque todos os vídeos merecían un premio polas ganas que transmiten as autoras e polo emocionante que é para elas o seu tema”. “Espero que siga así e que cada vez haxa máis solicitudes porque é un orgullo para nós”, sentenciou.
Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, lembrou que “o CIM foi o primeiro centro en obter o Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo e, a partir diso, lanzaron os premios” pero, tal e como sinalou, “o importante é que lle deron sostibilidade no tempo o que é relevante porque supón apostar por unha medida de acción positiva e valente”. “É un éxito porque recoñece o traballo das investigadoras máis novas que fan as súas pesquisas con tanta entrega”, indicou e salientou que “este premio amosa a vitalidade do CIM na investigación e na investigación máis nova”.
Visibilizar a figura de Marie Tharp
O director do CIM, Daniel Rey, quixo remarcar que “escollemos o nome de Marie Tharp para visibilizar o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino”. Daniel Rey explicou que foi “moi importante porque había pouco coñecemento do océano e isto foi un fito”. “Este mapa creado cos datos recollidos por Marie Tharp contribuiu significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deriva continental. O impacto deste tipo de representacións foi tan alto que aínda hoxe usamos as cores para expresar profundidades e sombreados para dar sensación de relevo”, destacou.
Gañadoras da primeira edición
A primeira edición do concurso convocouse no ano 2022 e a entrega dos premios formou parte das conmemoracións do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia do 2023. Concretamente, na anterior edición na categoría posdoutoral junior a gañadora foi Sara Gamboa Jurado-Centurión; na categoría predoutoral, María Alborja Valado; e houbo unha mención especial para Iria García Moreiras.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI