Este mércores tivo lugar a xuntanza de lanzamento do proxecto, liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar dentro do programa POCTEP
Co obxectivo de mellorar a resiliencia costeira na eurorexión Galicia-norte de Portugal, este mércores botou a andar o proxecto Capta, unha iniciativa transfronteiriza liderada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar que conta co Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo entre os seus socios.
Cun orzamento de 1,67 millóns de euros e cofinanciado polo programa de cooperación Interreg España-Portugal Poctep e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder, este proxecto sentará as bases de políticas e instrumentos de planificación que axuden a preservar os ecosistemas litorais e a facer fronte aos riscos climáticos de forma conxunta.
A xuntanza de lanzamento tivo lugar hoxe mércores na sede do Cetmar en Vigo e contou coa presenza dos investigadores e investigadoras do CIM implicados no proxecto.
Identificar as ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos para os espazos costeiros
A finalidade desta proposta é crear un marco de cooperación transfronteiriza que permita identificar as ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos aos que se enfrontan os espazos costeiros e establecer actuacións coordinadas para a súa conservación. Deste xeito, os socios tratarán de facilitar procedementos homoxéneos e información comparable sobre riscos climáticos, permitindo accións conxuntas e avaliando o papel que prestan os ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono mediante o uso de novas tecnoloxías, como satélites, vehículos aéreos non tripulados ou redes neuronais, entre outras.
A iniciativa axudará a identificar novos indicadores ambientais para sistemas de alerta nun escenario de cambio climático e a aplicar metodoloxías comúns para a análise dos fluxos de CO2 e a captación de carbono azul na costa. Capta contribuirá ademais a identificar as principais ameazas e riscos climáticos na zona costeira e a difundir o valor da cooperación transfronteiriza como apoio para unha mellor adaptación e resiliencia ao cambio climático, implicando especialmente á poboación más nova nestas accións.
Un consorcio transfronteirizo
A Consellería do Mar participa activamente neste proxecto a través da Fundación Cetmar, que coordina a iniciativa, e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar, aos que se suma a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Meteogalicia, pertencente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Todos eles forman parte do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e do Observatorio do Marxe Ibérico-Observatorio RAIA. Xunto con estes organismos, o CIM e a Universidade de Vigo, son socios de Capta a Universidade da Coruña, o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía-CSIC pola parte española, e as universidades de Porto e Aveiro, o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores do Porto (Inesc TEC) e o Ciimar como socios portugueses, a maioría deles tamén socios fundadores do Observatorio RAIA.
Fonte: DUVI