A Universidade de Vigo lidera a nivel global a investigación que desenvolven as universidades españolas no ámbito da oceanografía grazas ao traballo desenvolvido polo persoal investigador do CIM. Así o recolle o ranking de Shanghái na edición deste ano do informe por materias do Academic Ranking of World Universities, que se basea nos datos de 5.000 universidades de 96 países clasificándoas tendo en conta profesorado e resultados de primeiro nivel, investigación de alta calidade e impacto e colaboración internacional.
Neste ranking, a Universidade de Vigo destaca en oceanografía, ámbito no que ocupa o posto 1-2 da lista nacional e se sitúa entre as 51-75 mellores do mundo. A investigación de impacto desenvolvida polos grupos do Centro de Investigación Mariña da UVigo permitiron que a institución viguesa se impulsara desde o tramo de 151-200 de hai dous anos á súa actual posición internacional.
O papel dos centros
Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, amosa a satisfacción da institución académica cos datos xerais acadados neste Global Ranking of Academic Subjects 2024, salientando o seu posicionamento en dez categorías investigadoras. A vicerreitora subliña como “moi salientable” a posición ocupada en Oceanografía, que “reflexan o excelente traballo que está a facer o Centro de Investigación Mariña”.
Neste senso apunta que “creo que o financiamento acadado no Plan complementario de Ciencias Mariñas, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia (Consellería do Mar), puido contribuír a esta mellora” e sinala que “agardo que sexa un dato positivo a considerar por parte da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional na avaliación do centro como centro CIGUS”. Belén Rubio amosa igualmente a súa confianza en que “a nova instalación do centro nos edificios da ETEA sexa pronto unha realidade e axude a potenciar as sinerxías co CSIC e outros centros para ser un referente a nivel internacional”.
Fonte: DUVI