As súas investigacións foron seleccionadas xunto ao outras oito da Universidade de Vigo nunha convocatoria financiada con 79.000 euros pola institución provincial
Biodiversidade e conservación de hábitats, contaminación en ambientes terrestres e mariños ou tecnoloxías de información e da comunicación son algunhas das trece liñas de investigación nas que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra buscaban promover o desenvolvemento de estudos que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia. Financiada con 79.000 euros pola institución provincial, ao abeiro dun convenio coa UVigo, nesta convocatoria foron seleccionados dez proxectos, dous deles liderados por investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM).
A convocatoria busca que persoal investigador novo poida pór en marcha os seus proxectos, especialmente aquel que non tivera liderado previamente proxectos seleccionados en convocatorias de carácter competitivo.
Entre os proxectos escollidos está a investigación centrada na criopreservación de medusas e na utilidade destas técnicas para a preservación da biodiversidade mariña, que a investigadora do CIM Estefanía Paredes centrará nas éfiras da especie Aurelia aurita.
Tamén resultou seleccionado un estudo sobre o impacto nos sedimentos da ría de Arousa dos cambios nos usos do solo na conca hidrográfica do río Umia, eixe central do proxecto da tamén investigadora do CIM Ángela Fontán, que empregará técnicas de teledetección, cartografía e análise xeoespacial para identificar as principais transformacións do territorio.
Fonte: DUVI