Acudiron máis dun cento de investigadores e investigadoras. Entregouse o Premio CIM á investigadora portuguesa afincada no Reino Unido, Maria Dornelas
O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) celebrou este xoves a súa II Asemblea Anual CIMentos, un evento no que visibilizar os seus avances respecto da ciencia mariña mediante oito comunicacións orais e 38 pósters redactados polo seu persoal investigador. Ademais, a xornada, á que acudiron máis dun cento de investigadoras e investigadores, foi o marco para a entrega do primeiro Premio CIM, outorgado á doutora Maria Dornelas, bióloga portuguesa e investigadora da University of St Andrews, recoñecida internacionalmente polas súas contribucións pioneiras ao estudo da biodiversidade mariña.
A inauguración do encontro contou coa participación da directora da Área de Investigación da Universidade de Vigo, Ana Bernabeu, e do director do centro, Daniel Rey. “A Universidade apoia ao centro porque sabe que é un referente e que o seu persoal investigador ten un potencial excepcional, xa que publican cantidade e calidade e son quen de atraer fondos”, destacou Bernabeu, ao que engadiu que o seguinte paso será “proxectarnos aínda máis a nivel internacional”, algo que, ao seu modo de ver, dependerá, sobre todo, do persoal investigador máis novo”. En referencia á entrega do Premio CIM a Maria Dornelas, como presidenta da Comisión de Igualdade do CIM, amosouse moi satisfeita de que o centro recoñeza a unha investigadora excelente, non por ser muller, senón por ser excelente. “Alégrame que o centro lidere eses recoñecementos ao traballo que se está facendo desde o ámbito femenino”, recalcou.
Pola súa banda, o director do CIM, Daniel Rey, fixo fincapé en que con este premio o centro busca recoñecer a persoas e institucións cuxa traxectoria é clave, como referentes relevantes para o desenvolvemento da actividade científica no ámbito mariño. “Estas persoas ou institucións marcaron as nosas prioridades estratéxicas tanto a nivel nacional como internacional, non só polas súas contribucións científicas, senón tamén pola súa capacidade para motivar e para que sigamos a senda do seu impacto significativo, como fonte de inspiración e busquemos no seu reflexo o noso ímpeto investigador”, remarcou. Daniel Rey insistiu, neste sentido, en que “queremos que sexa unha fonte de inspiración para os máis novos, para que vexan nela un exemplo dunha investigadora de éxito”.
Como mostra do galardón, fíxose entrega dunha representación do faro de Cíes, o que Daniel Rey relacionou coa investigación de Maria Dornelas “porque o teu traballo para moitos de nós é unha luz que guía a nosa curiosidade científica”.
Pola súa banda, a investigadora premiada, Maria Dornelas, aproveitou a súa visita a Vigo para presentar as liñas principais do seu traballo e adiantar algún dos seus últimos resultados, o que espertou grande interese entre o público asistente. Incidiu na opinión de que para falar de biodiversidade é preciso pasar das ideas centradas na perda e confiar na resiliencia dos propios ecosistemas. “Ademais, deberíamos seguir investigando porque queda moito por descubrir nos procesos intrínsecos dos propios ecosistemas mariños”, indicou a investigadora. En canto ao premio, agradeceu o galardón e, sobre todo, amosouse “ilusionada” porque o seu traballo resulte de interese para o persoal do centro e lles axude a inspirarse, o que resulta “un aliciente moi importante para seguir traballando”.
Plataforma de relevancia para o avance da investigación mariña
A II Asemblea Anual CIMentos, que forma parte das accións do Decenio dos Océanos do Decenio das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible, supón para este centro unha oportunidade única para visibilizar os avances e o impacto do CIM, fortalecendo o seu papel como referente na investigación mariña e como motor de innovación para o sector. Participaron máis dun cento de investigadores e investigadoras do centro, que tiveron neste encontro a oportunidade de compartir coñecementos e buscar novas oportunidades de colaboración entre diferentes liñas de traballo consolidando CIMentos como unha plataforma de gran relevancia para o avance da investigación mariña.
Ao longo do día, sucederanse diversas presentacións sobre os avances nas áreas de investigación prioritarias do CIM: acuicultura e marisqueo, contaminación mariña, enerxías renovables mariñas e impacto do cambio climático. Por último, o evento pecharase cun debate centrado nos desafíos globais que afronta a ciencia mariña e o propio centro.
Visita do Comité Asesor Externo Internacional
Como novidade, nesta edición contouse coa asistencia dalgúns dos membros do Comité Asesor Externo Internacional (CAE) do CIM como Juanjo Dañobeitia, profesor de Investigación en Xeofísica Mariña do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e Liaison for Join Task Force SMART Cables na IOC da UNESCO; Luis Valdés, profesor de Investigación e ex director do Centro Oceanográfico de Santander e ex coordinador de Asuntos Internacionais do Instituto Español de Oceanografía (IEO); o doutor Jaume Piera, do Instituto de Ciencias del Mar do CSIC; e Gregorio Iglesias, catedrático de Enerxías Renovables Mariñas no University College Cork e catedrático honorario de Enxeñería Costeira na Universidade de Plymouth. Todos son investigadores de referencia a nivel internacional que acudiron para coñecer en persoa o traballo do centro, ademais de visitar a súa principal infraestrutura de investigación, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT).
O Comité Asesor Externo (CAE) xoga un papel fundamental na consolidación do CIM como referente internacional na investigación mariña. Este equipo de especialistas, composto por figuras de renome mundial, achega unha perspectiva crítica e externa que permite ao CIM avaliar a pertinencia e efectividade da súa estratexia de investigación. De aí a importancia desta visita que suporá un punto de inflexión no futuro do centro.
Fonte: DUVI