A prestixiosa clasificación da Universidade de Stanford, “Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientists”, reforza o avance imparable do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) na ciencia global. Cun 20% dos investigadores máis citados da UVigo pertencentes ao CIM, esta distinción subliña a excelencia e o impacto global do centro no ámbito mariño, consolidando o seu papel como referente científico de vangarda.
A edición 2024 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist recoñece a cada vez maior capacidade investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM). Concretamente, dos 43 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo que aparecen no ranking tendo en conta o número de citas ao longo de toda a súa carreira, o 20% pertencen ao CIM. Son Ricardo Beiras, Carlos Bendicho, Armando Caballero, Alejandro Crespo, Jorge Domínguez, Isela Lavilla, Emilio Marañón, Francisco Pena-Pereira e José Luis Soengas.
A base de datos da Universidade de Stanford analiza as publicacións de científicos “de primeiro nivel”, é dicir, persoal investigador que se atopa entre o 2% superior da base de datos Scopus, proporcionando de cada unha e un deles información estandarizada sobre citas, índice H, índice HM axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, o ránking ofrece tanto unha perspectiva global do impacto das citas ao longo da carreira de cada investigador e investigadora como unha clasificación atendendo aos datos do último ano, o 2023. A primeira lista, coa traxectoria completa, contén 217.097 investigadores, mentres que a segunda, a relativa ás citas no 2023, inclúe 223.152 científicos e científicas. O ranking tamén inclúe unha clasificación das e dos investigadores atendendo aos eidos de coñecemento, un total 22 campos científicos e 174 subcampos, segundo a clasificación estándar de Science-Metrix.
Se temos en conta ás citas xeradas ao longo de 2023, o CIM incrementa a súa presenza na listaxe con 11 investigadores e investigadoras dos 50 da Universidade de Vigo que aparecen na mesma. Son Ricardo Beiras, Carlos Bendicho, Armando Caballero, Alejandro Crespo, Jorge Domínguez, Moncho Gómez-Gesteira, Luis Gimeno, Isela Lavilla, Emilio Marañón, Elena Ojea, Francisco Pena-Pereira e José Luis Soengas.
Pola súa banda, atendendo á clasificación por ámbitos de coñecemento, entre os 500 primeiros en cadansúa área aparece o catedrático do Departamento de Ecoloxía e bioloxía animal e investigador do CIM, Jorge Domínguez, no 255 en Agronomía e Agricultura. Por outro lado, o catedrático do Departamento de Enxeñaría Química José Manuel Domínguez está no 332 en Biotecnoloxía, o catedrático Armando Caballero está entre os 500 primeiros en Bioloxía Evolutiva (477), así como o catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM Emilio Marañón no 487 no campo da Bioloxía mariña e a Hidrobioloxía.
Estes datos ratifican a posición do CIM como líder en excelencia investigadora, recoñecendo a súa investigación de calidade que alcanza os máis altos estándares internacionais, contribuíndo de maneira significativa ao avance do coñecemento no ámbito mariño a nivel global.