Escoitar o mar para predicir a súa evolución

Escoitar o mar para predicir a súa evolución

A investigadora do CIM Noela Sánchez colabora nun proxecto liderado desde o CITMAga que traduce os sons procedentes do fondo do mar en datos numéricos que axuden na toma de decisións

Traducir os sons procedentes do fondo do mar en datos numéricos que permitan axudar a predicir os fenómenos complexos que actúan sobre os ecosistemas mariños. Nisto consiste, en grandes trazos, unha das últimas iniciativas postas en marcha dende CITMAga, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, do que forman parte as tres universidades galegas. Nesta ocasión, trátase dun traballo multidisplinar liderado desde a Universidade da Coruña polo matemático Andrés Prieto, e no que tamén están a participar a investigadora do Centro de Investigación Mariña, CIM, da Universidade de Vigo, Noela Sánchez, xunto con especialistas da Universidade de Santiago de Compostela, a UNED e a universidade italiana de Trento.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar o deseño, a implementación e o uso de ferramentas baseadas en xemelgos dixitais para monitorizar a natureza física do fondo mariño, empregando para iso datos hidroacústicos. Céntranse nos ambientes submarinos costeiros, “que son particularmente complexos á hora de deseñar e implementar metodoloxías técnicas efectivas que permitan avaliar a saúde dos seus ecosistemas e a súa evolución estacional”, explica o responsable do proxecto, Andrés Prieto, quen tamén pon de relevo que “as medicións hidroacústicas son a clave para monitorear a natureza do fondo mariño nas zonas costeiras, rexións especialmente afectadas polas actividades humanas e os fenómenos extremos”.

“Cada tipo de fondo ten unha firma acústica diferente”

O investigador sinala que “a contorna submarina é heteroxénea e complexa pola súa propia natureza, pero os seus elementos xeofísicos e biolóxicos poden modelarse matematicamente. Para iso empréganse métodos numéricos que permiten calcular a resposta acústica dunha configuración específica do fondo mariño”.

O proceso para levar a cabo a caracterización numérica do fondo mariño iníciase coa toma de medidas experimentais en diferentes localizacións mediante unha ecosonda situada sobre a superficie do mar, coa finalidade de “escoitar o océano”. Os sinais acústicos viaxan ata o fondo, eses sinais rebotan e rexístranse nuns ecogramas, de xeito que os sons se converten en imaxes. E, finalmente, co modelo dixital desenvolto polo equipo, calcúlanse numericamente as características do fondo mariño. “Isto permite realizar unha clasificación e unha cuantificación das propiedades dos fondos mariños, posto que cada tipo de fondo ten unha firma acústica diferente”, sinal.

Existen batimetrías que se poden ler como mapas de relevo do fondo do mar e indican a profundidade á que se atopa, pero non o seu estado nin os elementos que hai no mesmo. Así, os investigadores están a desenvolver diferentes ferramentas dixitais de cálculo, que, a partir dos datos hidroacústicos, posibilitan extraer moita información e levar a cabo unha caracterización numérica do fondo mariño, co fin de poder coñecer o seu estado e mesmo poder predicir a súa evolución no tempo.

Fonte: DUVI