A través dunha visita á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). Representantes do sector e persoal investigador do centro compartiron unha xornada para debater sobre as necesidades do mesmo de cara o futuro e ás que pode dar solución a ciencia
Co obxectivo explorar as capacidades da ciencia para impulsar o desenvolvemento do sector marisqueiro galego, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) acolleu unha das xornadas da iniciativa Mariscadoras ConCiencia: mulleres do mar e científicas unidas polo coidado do medio mariño e dos recursos pesqueiros, que organiza a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA). Durante o evento, representantes da organización, de asociacións de mariscadoras e de confrarías visitaron as instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), pertencente ao CIM, e participaron nun debate con mulleres investigadoras do centro para establecer un diálogo necesario entre ciencia e marisqueo.
O persoal investigador do CIM mostrou as instalacións e proxectos de investigación que se desenvolven na ECIMAT e o rematou cun debate centrado en como a ciencia pode apoiar a sostibilidade e competitividade do sector marisqueiro e pesqueiro, un dos piares fundamentais da economía galega. Ademais, investigadoras do CIM como Celia Olabarria, Elsa Vázquez, Elena Ojea e Estefanía Paredes presentaron as súas liñas de investigación, ofrecendo solucións aos retos do marisqueo, como a conservación de especies, a adaptación para os efectos do cambio climático e a mellora de técnicas de cultivo.
Para o director do CIM, Daniel Rey, “este encontro reforza a importancia da colaboración entre a ciencia e o sector primario, especialmente en áreas tan importantes para o futuro da economía galega como o marisqueo. Compartimos con ANMUPESCA o compromiso de atopar solucións innovadoras e sostibles para garantir o futuro do sector mariño en Galicia e cremos que este tipo de iniciativas son una oportunidade única para afondar nunha colaboración que pode reportar grandes avances para o sector e a ciencia mariña”.
Mariscadoras ConCiencia
O proxecto Mariscadoras ConCiencia está financiado ao abeiro das axudas do FEMPA, co apoio do GALP Ría de Vigo – A Guarda, e ten como obxectivo principal fortalecer a transferencia de coñecementos entre o sector pesqueiro e o ámbito científico-técnico. As actividades vinculadas ao proxecto permitiron organizar visitas aos bancos marisqueiros do fondo da Ría de Vigo (Redondela, Arcade e Vilaboa), onde se identificaron as inquietudes relacionadas cos cambios no medio natural, continuando con esta visita para intercambiar coñecementos e inquedanzas co persoal investigador do CIM.