O proxecto Impactarte conta coa colaboración da FECYT. A investigadora do CIM Ángela Fontán Bouzas lidera o proxecto que busca identificar e divulgar como as obras artísticas reflectiron ao longo do tempo os eventos climáticos extremos
A investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) Ángela Fontán Bouzas lidera unha innovadora iniciativa que fusiona a arte e a ciencia para abordar os efectos do cambio climático nas costas de toda a Península Ibérica a través do proxecto ImpactArte. O proxecto, que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, FECYT, busca establecer un espazo colaborativo entre persoal científico mariño, historiadores e historiadoras da arte e ilustradores e ilustradoras para identificar e divulgar como as obras artísticas reflectiron ao longo do tempo os impactos climáticos costeiros. A través deste enfoque multidisciplinar, ImpactArte, propón unha nova forma de entender e comunicar o cambio climático, integrando o coñecemento científico co patrimonio cultural.
O obxectivo principal de ImpactArte, no que tamén colabora persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Autónoma de Madrid, é desenvolver unha serie de ferramentas dixitais e divulgativas que permitirán ao público xeral explorar obras de arte históricas que amosen escenas de tormentas, naufraxios ou inundacións costeiras, con explicacións científicas sobre estes eventos e as súas implicacións no contexto do cambio climático actual. Isto non só facilitará a divulgación científica dunha forma visual e accesible, senón que tamén poñerá de relevo como a arte foi testemuña dos efectos do clima marítimo nas costas ao longo dos séculos.
ImpactArte tamén pretende implicar á cidadanía no proceso de descubrimento. A través destas ferramentas, o público poderá non só explorar e aprender sobre os eventos históricos e climáticos representados nas obras de arte, senón tamén contribuír proporcionando información adicional sobre obras non identificadas polo equipo científico.
Unha perspectiva creativa e accesible da ciencia
Neste marco de colaboración entre a arte e a ciencia, ImpactArte ofrece unha perspectiva creativa e accesible para concienciar sobre os riscos actuais do cambio climático e a subida do nivel do mar. Para iso, o proxecto incluirá a creación de piezas audiovisuales realizadas por ilustradora Estefanía Padullés Estévez de estilo “lapis de cor” para achegar estes conceptos a todos os públicos a través das redes sociais. Desta maneira, o proxecto amplía o seu alcance e pretende sensibilizar a un público diverso sobre os retos que o cambio climático expón ás poboacións costeiras.
Ademais, unha vez rematado o proxecto realizarase unha exposición itinerante que pasará por lugares como o Museo do Mar de Galicia e a Rede de Museos científicos de A Coruña.
A investigadora responsable do proxecto, Ángela Fontán Bouzas, destacou que “traballar en proxectos innovadores que integren varias disciplinas é fundamental para avanzar na comprensión dos complexos fenómenos relacionados co cambio climático”. Igualmente, insistiu en que “a colaboración entre a oceanografía, a xeoloxía e a arte permite abordar os desafíos desde diferentes perspectivas, xerando solucións máis completas e efectivas que poden ter repercusións significativas a medio e longo prazo. Estes enfoques interdisciplinarios son clave non só para descubrir novos coñecementos sobre os impactos do cambio climático nos ecosistemas costeiros e mariños, senón tamén para desenvolver modelos preditivos máis precisos que melloren a resiliencia das comunidades afectadas”.
Con este innovador proxecto, o CIM reforza o seu compromiso coa divulgación científica, demostrando unha vez máis que a arte e a ciencia, cando se combinan, poden converterse en potentes ferramentas de sensibilización e coñecemento para o futuro do océano.