No marco do proxecto das Nacións Unidas Mi Costa, o encontro abre as portas para futuros proxectos coa Agencia de Medio Ambiente do Ministerio de Ciencia e Innovación cubano que inclúe 23 centros de investigación
No marco do proxecto das Nacións Unidas Mi Costa, representantes políticos e investigadores de Cuba visitaron a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM). Concretamente, estiveron coñecendo o tecido social, económico e investigador galego respecto do sector do mar de cara a descubrir posibles vías de colaboración científica que permitan avanzar na resiliencia costeira fronte ao cambio climático. No ámbito científico, quixeron coñecer una infraestrutura de referencia como a Ecimat..
O proxecto Mi Costa busca fortalecer a resiliencia costeira ao cambio climático mediante o enfoque de adaptación baseado en ecosistemas fortalecendo a capacidade de adaptación das comunidades locais. De aí que, tras pasar por Madrid, a seguinte parada da visita fose Vigo para coñecer mellor o ámbito económico e social vinculado ao mar con encontros con empresas, confrarías e visitas a lonxas. Igualmente, quixeron coñecer en primeira persoa as infraestruturas de investigación da Ecimat.
Concretamente, a delegación estaba formada polo director de Proyectos Internacionales da Agencia de Medio Ambiente de Cuba (AMA), Alfredo Martínez; a responsable de fondos ligados á conservación da biodiversidade do Minsterio de Agricultura (MINAG) de Cuba, Georgina Díaz; Roberto Rafael Núñez, o director do Centro de Investigaciones Marinas da Universidad de La Habana (CIM-UH); o director do proxecto Mi Costa, José Manuel Guzmán, e o xestor do mesmo, Francisco Faustino Peña, e o coordinador científico da área de Pinar del Río dentro do proxecto, Jorge Ferro; xunto co responsable de investigación da Agencia de Medio Ambiente e responsable de zooloxía do proxecto, Santos Orlando Cubillas.
A visita á Ecimat permitiulles coñecer unha infraestrutura de vangarda en investigación mariña, compartindo experiencias respecto dos traballos realizados sobre adaptación ao cambio climático e descubrir novas vías de colaboración a nivel científico que permitan avanzar na conservación dos ecosistemas mariños.
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).