Colabora na cuarta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras que se celebrará o vindeiro 27 de setembro
A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro día 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) tamén achegará o seu gran de area nesta nova edición.
Coordinada pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado polas universidades de Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), a G-Night volverá sacar a ciencia dos laboratorios e das aulas para achegala á cidadanía, desta volta, nunha vintena de localizacións.
O persoal investigador do CIM participará un ano máis na gran feira científica da G-Night, que se celebrará de 17.45 a 22.00 horas no Edificio Redeiras e na que persoas asistentes atoparán unha morea de actividades gratuítas que lle permitirán, da man de investigadores e investigadoras da UVigo e a través de amenos experimentos, achegarse ao universo, aos materiais, a acuicultura, a intelixencia artificial, monitorización de aves mariñas, o tratamento das augas, agroecoloxía, comunicacións dixitais, nanopartículas plasmónicas ou ciencia económica.
Na feira poderase desfrutar de AquaMission: unha viaxe científica pola acuicultura, unha experiencia interactiva da man do Grupo Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en Acuicultura, ou do xogo de escapada Misterio no laboratorio. Quen envelenou a Vítor Rabbit?, unha proposta do grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética do CIM que converterá ao público nun auténtico investigador para poñer a proba as dotes científicas.
Por outra banda, en paralelo á feira, entre as 18.00 e as 22.00 horas, desenvolverase outras actividades como un espectáculo de danza, A conectividade que nos move, no que a través do baile contemporáneo, o grupo Future Oceans Lab do CIM, amosará os mecanismos que sosteñen a conectividade ecolóxica e os desafíos as que se enfronta por causa da intervención humana. Pola súa banda, o docente e investigador Gianluca Marino (Geoma-CIM) ofrecerá unha charla titulada Como se vía o planeta durante as idades do xeo, mentres que Andreu Blanco sorprenderá ao público co relatorio E ti que sabes das Illas Atlánticas?.
Fonte: DUVI