Persoal do centro participa nas comunicacións orais e posters do IX Simposio Internacional de Ciencias del Mar en Valencia, ademais de contar cun stand informativo
O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) participou no IX Simposio Internacional de Ciencias del Mar (ISMS 2024) que se está a celebrar entre o 10 e o 12 de xullo en Valencia. Trátase dun evento organizado entre as seis universidades españolas nas que se imparte a titulación de Grao en Ciencias do Mar (Universitat de Alicante, Universitat de Barcelona, Universidad de Cádiz, Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, Universidad Católica de Valencia e Universidade de Vigo). O CIM está presente no congreso con varias comunicacións e pósters, ademais de contar cun stand informativo sobre o centro.
O ISMS é a cita máis importante das ciencias mariñas en España e unha das máis relevantes no panorama europeo. Para o CIM este espazo servirá como punto de encontro para os asistentes que desexen coñecer máis sobre as iniciativas de investigación do CIM, así como as oportunidades de colaboración e desenvolvemento profesional que a día de hoxe ofrece. O persoal investigador presentará os avances dos seus proxectos en comunicacións orais e pósters, mentres que o centro ofrecerá tanto no stand como durante unha sesión específica información detallada sobre os programas de investigación, proxectos en curso e oportunidades de carreira que ofrece o CIM de cara a mostrar a súa capacidade como opción de futuro para os asistentes e fomentar o networking entre científicos e científicas a nivel nacional e internacional.
No marco deste congreso, tamén se desenvolverán paralelamente outros eventos científicos nos que haberá diferente representación do centro: Encuentro de la Oceanografía Física 2024 (EOF 2024), Seminario Ibérico de Química Marina (SIQUIMAR), Seminario de las Basuras Marinas (BAMAR) e o workshop do proxecto LIFE PINNARCA (LIFE20-NAT/ES/001265).
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.