Unha vintena de entidades e empresas galegas danse cita no CIM para buscar posibles sinerxías de futuro co seu persoal investigador

Unha vintena de entidades e empresas galegas danse cita no CIM para buscar posibles sinerxías de futuro co seu persoal investigador

Nunha xornada de portas abertas celebrada hoxe na Ecimat na procura de colaboración fronte aos desafíos da economía azul e da sociedade galegas

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) celebrou hoxe unha xornada de portas abertas para empresas e entidades colaboradoras. Baixo o título, Construíndo xuntos a economía azul, o evento congregou 27 representantes dunha vintena de empresas e entidades non só do sector mariño, senón tamén do enerxético, biotecnolóxico ou ambiental, co obxectivo é explorar vías de colaboración futura para abordar conxuntamente os desafíos da economía azul e da sociedade galegas. Entre as empresas e entidades asistentes atopábanse a Autoridade Portuaria de Vigo, ARVI, Fundamar, Conxemar, Anfaco, Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, CEAMSA, Anmupesca, Jealsa, Opmega, Humeco, 2 Rías e os GALP 7 e 6. Ademais, a xornada de portas abertas contou coa presenza de representantes de Zendal, EnergyLab, Unirisco, DATAlife DIH e Sinerxia Consultora.

O director do CIM, Daniel Rey, indicou que “as empresas achegan innovación, creación de emprego e prácticas sostibles, promovendo o desenvolvemento económico azul en Galicia. As investigacións avanzadas do CIM en biotecnoloxía mariña, sustentabilidade dos recursos e enerxías mariñas e acuicultura facilitan ás empresas desenvolver novas tecnoloxías e produtos”. Daniel Rey incidiu en que “a súa participación nesta xornada representa unha oportunidade única para fortalecer as alianzas estratéxicas e fomentar a innovación no sector proporcionando un espazo único para que as empresas e organizacións colaboren co CIM en proxectos de investigación de vangarda, desenvolvemento de solucións sostibles e fortalecemento da responsabilidade social e ambiental”.

Visita guiada á estación e cóctel de traballo

A xornada de portas abertas comezou cunha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) na que os e as participantes descubriron de primeira man os avances e proxectos innovadores que o CIM está a desenvolver. Posteriormente, desenvolveuse un cóctel de traballo no que o persoal investigador e os asistentes puideron establecer conversacións de cara a establecer posibles oportunidades de cooperación. Por último, empresas, entidades e persoal investigador embarcou no Ocean Secrets para realizar un paseo científico pola Ría de Vigo durante o que puideron compartir un espazo no que se fomentou o intercambio de coñecementos e a creación de alianzas estratéxicas que poden ser cruciais para o desenvolvemento sostible do sector mariño.

Para Rey “a colaboración entre as empresas do sector da economía azul en Galicia e o CIM é fundamental para afrontar os desafíos futuros, promovendo a innovación, a sostibilidade e o desenvolvemento económico na rexión. Esta sinerxía mellora a competitividade das empresas e contribúe á protección e ao manexo responsable dos recursos mariños, asegurando un futuro próspero e sostible para Galicia”, engadiu.

A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).

Foto: DUVI