O CIM mostra a súa capacidade para contribuír no desenvolvemento da economía azul sostible en Dinamarca

O CIM mostra a súa capacidade para contribuír no desenvolvemento da economía azul sostible en Dinamarca

Participou no European Maritime Day organizado pola Comisión Europea. O evento reuniu a expertos e actores crave do sector marítimo de toda Europa

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) formou parte das máis de 80 entidades que participaron como expositores no evento principal do European Maritime Day 2024, organizado en Svendborg (Dinamarca) pola Comisión Europea.  O encontro, celebrado o 30 e 31 de maio, reuniu a expertos e actores do sector marítimo de toda Europa para compartir coñecementos e buscar novas sinerxías de traballo.

O CIM estivo presente cun posto informativo, presentando as súas investigacións e proxectos actuais e establecendo contacto con outros profesionais e organizacións do ámbito marítimo, no marco do compromiso do centro co avance da ciencia mariña e a colaboración internacional.

O European Maritime Day celébrase cada ano a finais de maio en diferentes países da UE, seleccionados mediante unha convocatoria de interese lanzada no Consello de Ministros cada cinco anos. Trátase do punto de encontro anual da UE sobre asuntos marítimos e crecemento azul sostible e ofrece unha experiencia interactiva cunha ampla gama de temas relacionados coa economía azul e o medio ambiente mariño, con sesións temáticas, obradoiros e presentacións de expertos.

O director do CIM, Daniel Rey, salientou que “foi unha excelente oportunidade para establecer conexións con socios estratéxicos, facer novos contactos, obter visibilidade para os nosos proxectos e coñecer en persoa a quen está a establecer o marco normativo que afecta ao mundo mariño a nivel europeo”. Ademais, engadiu que “foi unha ocasión única para promover asociacións destinadas a enfrontar os desafíos e aproveitar posibles oportunidades no marco da economía azul sostible”.

A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).