O proxecto estatal Setestrelo analiza en alta resolución o transporte de humidade presente e futuro no Atlántico norte

O proxecto estatal Setestrelo analiza en alta resolución o transporte de humidade presente e futuro no Atlántico norte

Está desenvolvido por un grupo de investigación do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. O obxectivo é entender como se altera o ciclo hidrolóxico por procesos relacionados co cambio climático

Un equipo do grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab), do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, está a desenvolver o proxecto estatal Setestrelo. Ao seu abeiro realizan unha avaliación en alta resolución do transporte de humidade no Atlántico norte no clima actual e en proxeccións futuras co obxectivo último de contribuír a entender como se altera o ciclo hidrolóxico nesta rexión por procesos relacionados co cambio climático. “A información máis precisa sobre o transporte de humidade rexional e os cambios no ciclo hidrolóxico permitirán distinguir os efectos dos impactos do cambio climático a curto-medio-longo prazo e será crucial para aplicar medidas de prevención/adaptación, reducir vulnerabilidades e mitigar riscos”, afirman.

O proxecto está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da convocatoria 2021 de Proxectos de Xeración de Coñecemento. O equipo de científicas e científicos que o desenvolve está liderado polos catedráticos Raquel Nieto e Luís Gimeno, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e formado ademais por sete investigadoras e investigadores. Ademais colaboran nel especialistas da Universidad de Costa Rica e do Institute of Meteorology and Climate Research, Karlsruhe Institute of Technology, de Alemaña. O traballo dá continuidade á dilatada traxectoria investigadora do grupo do CIM neste eido de coñecemento. Desde a súa posta en marcha, traballos realizados no marco de Setestrelo teñen sido publicados en diferentes revistas do grupo Nature, como Nature Communications.

Sobre a pertinencia e relevancia de levar a cabo este proxecto, desde a súa organización explican que o transporte de humidade é un factor determinante nos cambios do ciclo hidrolóxico, cun maior impacto nos seus extremos que en valores medios. Así, co cambio climático, apuntan, “non cabe dúbida de que o risco de ocorrencia de precipitacións extremas e secas aumentará”. Segundo as e os investigadores, a isto hai que engadir que o último informe do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) sinala que os modelos climáticos globais achegan resultados limitados a este respecto e que é necesaria unha modelización rexional de alta resolución.

Simulacións e datos

Neste contexto, Setestrelo ten como obxectivo central realizar, por primeira vez, unha avaliación en alta resolución do transporte de humidade na rexión do Atlántico norte en tres períodos temporais: 1994-2014, mediados e finais de século (2040-2060 e 2080-2100) e en dous dos novos escenarios de futuro previstos polo IPCC (SSP2-4.5 e SSP5-8.5). “Estudamos os principais mecanismos de transporte de humidade e como van a mudar”, afirman. Para acadalo, o equipo está a levar a cabo múltiples experimentos de “downscaling dinámico” utilizando o modelo rexional WRF para dúas áreas a ambos lados do Atlántico norte: unha centrada cara ao leste da conca, incluíndo o Mediterráneo, e outra en América central. WRF aliméntase cos datos meteorolóxicos e climáticos máis recentes dos que dispón a comunidade científica.

Para determinar as principais fontes de humidade e os seus sumidoiros continentais asociados (en tempo presente e futuro) o proxecto emprega o modelo de transporte lagrangiano Flexpart-WRFv3.3.2 (software que simula traxectorias no aire), alimentado con 40 conxuntos das saídas do WRF de alta resolución obtidos no downscaling. Isto permítelles analizar as traxectorias das partículas atmosféricas modeladas computacionalmente e calcular as variacións da humidade específica ao longo das mesmas. Igualmente o equipo analiza como os cambios no tempo de residencia do vapor de auga na atmosfera, influídos polos cambios nos patróns de circulación a grande escala, modulan o transporte de humidade e os extremos de precipitación asociados nos “puntos quentes” do cambio climático na rexión do Atlántico norte.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI