O persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) e do Campus do Mar participou, xunto a outros 16 grupos e entidades de toda Galicia, nun panel de expertos centrado nos ámbitos da cultura científica, capacitación e transferencia de coñecemento enmarcado no Programa de Ciencias Mariñas de Galicia.
O obxectivo deste encontro foi debater e compartir perspectivas entre diferentes axentes sobre o estado actual do sistema nestes tres ámbitos para identificar as necesidades e oportunidades de mellora, así como as accións necesarias para acadalas e avanzar cara un cambio transformador na sociedade.
Durante a xornada presentáronse os resultados dunha enquisa que se realizou no marco do proxecto co fin de establecer un diagnóstico da situación actual e dos retos futuros do sistema. Tras un interesante debate, os asistentes identificaron estratexias e accións para avanzar cara a mellora e reforzo das actividades de capacitación, transferencia de coñecemento e cultura científica no ámbito mariño da nosa comunidade.
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencia do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next Generation EU e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.