Un ano máis, as investigadoras do Centro de Investigación Mariña (CIM) participan na Iniciativa 11 de Febrero, que na Universidade de Vigo coordina a Unidade de Cultura Científica e da Innovación coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia a nivel nacional. Así, 10 científicas acudirán a 13 centros educativos de Vigo, Redondela, Cambados, Ponteareas, Lugo, Pontevedra, A Guarda, Nigrán e Santiago de Compostela para espertar vocacións científicas, crear referentes femininos no campo da ciencia, promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero e visibilizar o papel da muller na ciencia. A través de charlas e obradoiros, presentarán o seu traballo entre preto de 700 rapazas e rapaces de educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP.
Entrega dos premios do concurso “Marie Tharp 2023”
Tamén no marco da celebración do 11F terá lugar a entrega de premios do Concurso Marie Tharp 2023 convocado pola comisión de Igualdade e Sustentabilidade do CIM e dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e postdoutorais do centro que quixesen contar o seu traballo nunha peza audiovisual dun minuto de duración. O acto de entrega de premios será o día 8 de febreiro ás 13.00 horas no Novo salón graos da Facultade de Ciencias do Mar (Campus de Vigo).
eXXperimenta en Feminino
Ademais, investigadoras do grupo EphysLab, pertencente ao centro, participarán na feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. VII Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas , que se celebrará o 16 de febeiro entre as 10 e as 18 horas no edificio Politécnico do campus ourensán e nos seus arredores, onde as persoas que se acheguen atoparán 14 postos nos que poderán realizar experimentos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI