Nace o buque oceanográfico CIM UVigo, a primeira embarcación profesional fabricada en España con propulsión híbrida enchufable

Nace o buque oceanográfico CIM UVigo, a primeira embarcación profesional fabricada en España con propulsión híbrida enchufable

Construído polo estaleiro moañés Rodman Polyships, está acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras

A Universidade de Vigo presentou este xoves a que está chamada a converterse nunha das súas infraestruturas de investigacións máis importantes, modernas e innovadoras, o buque oceanográfico CIM UVigo, a primeira embarcación de uso profesional fabricada en España con propulsión híbrida enchufable.

O buque, construído polo estaleiro moañés Rodman Polyships, ten 19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga e 1,40 de calado e está acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras. O orzamento total foi de 1,5 millóns de euros, pero o proxecto está financiado con cargo á axuda concedida pola Axencia Estatal de Investigación, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020, resolta en novembro de 2021. Grazas a estes fondos NextGeneration o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, dótase dunha infraestrutura que fortalecerá a posición de Vigo, e de Galicia en xeral, na investigación oceanográfica costeira, permitíndolle abordar con maior garantía e competencia algúns dos desafíos sociais máis críticos relacionados co cambio climático e ambiental, a pesca, a biodiversidade ou a xestión de riscos.

Aínda que se trata dunha embarcación con propulsión híbrida enchufable, conta de maneira complementaria cun sistema de xeración de enerxía baseado en paneis solares con celas policristalinas conectadas a un cargador e dous aeroxeradores vinculados aos seus sistemas de control. É, polo tanto, un barco respectuoso co medio ambiente e cun modelo de xestión eficiente que facilitará a obtención de datos oceanográficos de gran calidade técnica.

Na presentación, que tivo lugar no mediodía deste xoves no estaleiro moañés, participaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o director do Centro de Investigación Mariña, Daniel Rey; e o director comercial de Rodman Polyships, Gonzalo Torres.

Capacidades científicas

A embarcación está deseñada para levar a cabo misións de investigación científica pluridisciplinar tales como a análise das características físicas, químicas, ou biolóxicas da auga de mar e dos sedimentos, a realización de tarefas de observación e cartografía do ecosistema mariño, os seus hábitats, e dos fondos e subsolo mariño. Tamén terá capacidades para a instalación e recuperación de equipos oceanográficos fondeados, como é o caso das boias oceanográficas, o lanzamento de mostreadores e perfiladores e o apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados de mediano e pequeno tamaño.

Deste xeito, o novo barco permitirá a realización de observacións in situ que complementen as observacións realizadas por sistemas de teledetección (por exemplo, satelitais) e que poidan perdurar por longos períodos de tempo. Ademais, é particularmente útil para a detección de patróns e tendencias que necesitan da adquisición de datos cunha distribución xeográfica ampla (como cambios na frecuencia e distribución dos afloramentos costeiros) ou de series temporais significativamente longas (como o impacto do cambio climático na distribución de especies).

Unha vez recepcionado o barco, o equipamento científico irase instalando nos próximos dous meses, aproximadamente.

Para a comunidade investigadora da UVigo e para outros organismos alleos

Esta nova infraestrutura será xestionada a través da plataforma @LIMS de solicitude de reserva e prestación de servizos existente da Ecimat. Ademais de para a propia comunidade universitaria, o barco estará tamén a disposición de calquera outra institución, galega, nacional e incluso internacional, tanto a través da rede europea de recursos biolóxicos mariños (EMBRC-ERIC) á que pertence á Ecimat, como do resto de infraestruturas europeas nas que participan os diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo adscritos ao CIM.

Fonte: DUVI