A investigadora do CIM Elena Ojea, galardoada co Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña

A investigadora do CIM Elena Ojea, galardoada co Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña

Polo seu traballo na adaptación e transformación dos sistemas socio-ecolóxicos mariños

Elena Ojea, investigadora do Centro de Investigación Mariña (CIM) e líder do grupo Future Oceans Lab da Universidade de Vigo acaba de ser galardoada co Premio Fundación Banco Sabadell á Sostibilidade Mariña 2023 polo seu traballo na adaptación e transformación dos sistemas socio-ecolóxicos mariños e na avaliación da vulnerabilidade e riscos fronte ao cambio climático.

O xurado do premio, presidido pola catedrática da Universitat de Barcelona Isabel Cacho, valorou especialmente a perspectiva holística do traballo que desenvolve Elena Ojea no que integra “non só aspectos ecosistémicos da sostibilidade mariña, senón a vertente máis social, facendo fincapé na visión de xustiza e equidade e incluíndo a perspectiva de xénero”. Composto por Conxita Àvila (Universidad de Barcelona); Ángel Borja (AZTI-Pasaia), Emma Cebrián (Universitat de Girona e CSIC), Emilio Fernández (Universidade de Vigo); Núria Montserrat, (IBEC-Barcelona); Stefano Pogutz (Universidad de Bocconi-Milano); José Luis Sánchez Lizaso (Universdidad de Alicante), Rafael Sarda (CEAB-Blanes) e Jorge Terrados (Imedea-Mallorca), o xurado tamén destacou o papel de Ojea en paneis internacionais como o IPCC, a FAO e o High Level Pannel for a Sustainable Ocean Economy, nos que as súas achega para o asesoramento de novas políticas na esfera internacional teñen sido altamente valoradas”.

O momento crítico para espertar e poder deixar un legado mariño sostible

A investigación de Elena Ojea céntrase na busca de solucións adaptativas para os sistemas socio-ecolóxicos mariños que permitan a xestión sostible de recursos, a equidade social e o coidado dos modos de vida vencellados ao mar. A súa liña de traballo explora en que medida e por que razóns as comunidades dependentes do medio mariño, como os pescadores artesanais, e os instrumentos de conservación, como as áreas mariñas protexidas, son capaces de responder aos impactos do cambio climático. Para isto combina o uso de índices de risco, análises de redes socio-ecolóxicas e modelos estatísticos de comportamento humano para identificar estratexias de adaptación e transformación nos sistemas mariños.

Como ela mesma explica, na súa investigación reflexiona “sobre as relacións entre a sociedade e os océanos, especialmente no contexto actual de cambio climático. Motívame contribuír ao cambio urxente que como sociedade temos que realizar poñendo freo ao cambio climático e aproveitando a oportunidade de adaptarnos de forma socialmente xusta e inclusiva. Estamos no momento crítico para espertar e poder deixar un legado mariño sostible para os máis pequenos. Sobre a recepción deste premio, Ojea destaca que recibilo lle fai especial ilusión porque significa “ser recoñecida por unha comunidade científica á que admiro profundamente. Emocióname saber que son parte dun grande esforzo colectivo que está impactando na sostibilidade dos océanos.”

Na actualidade, Elena Ojea participa en varios proxectos europeos realizando análises de riscos e vulnerabilidade climática de sistemas mariños, como FutureMARES, ACTNOW e MPA-Engage, financiados por Horizon2020 e Interreg-Med. Ademais, a súa investigación ten alto impacto internacional, participando en proxectos para organismos como a FAO, e informes para o Panel de alto nivel para unha economía sostible dos océanos e para o Panel Intergubernamental de Cambio Climático da ONU (IPCC).

Josep Oliu, presidente de Banco Sabadell, fará entrega do premio a Ojea nun acto que se celebrará o próximo 15 de novembro en Vigo.

Fonte: DUVI