A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso cos centros de investigación da Rede CIGUS, do que o CIM forma parte

Apoio para o financiamento e mellora do CIM, entre as accións estratéxicas dos fondos da Xunta á UVigo para I+D+i

A Xunta de Galicia continúa co seu compromiso coa investigación de excelencia como a que se realiza no Centro de Investigación Mariña (CIM), un dos tres centros da rede CIGUS de Vigo.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinaron un convenio en materia de I+D que dota á Universidade de Vigo dunha achega económica extraordinaria de 3,5 millóns de euros para a posta en marcha de múltiples “actividades estratéxicas” relacionadas coa I+D+i nos tres campus, un financiamento que permitirá, entre outros aspectos, mellorar infraestruturas e equipamentos de investigación, atraer talento de alto nivel e potenciar a divulgación científica.

O orzamento ascende a case 3,5 millóns de euros distribuídos nas anualidades 2023 e 2024 e contempla actuacións en seis liñas básicas: captación de talento, centros, novas estruturas de investigación, obras singulares de apoio á investigación, outras accións con foco específico de alto impacto e interese na I+D+i e accións que redundarán na calidade da docencia.

O acto de sinatura tivo lugar no edificio Redeiras e contou coa participación da vicerreitora de Investigacion, Belén Rubio, e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, así como coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; os vicerreitores Alfonso Lago e José Luis Míguez, e a secretaria xeral da UVigo, Mª José Bravo Bosch.

Fonte: DUVI