Este venres fíxose público o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2023, clasificación das mellores universidades do mundo en 55 materias de investigación elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai).
Na súa valoración do Global Ranking of Academic Subjects 2023, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, subliña “a gran satisfacción polos resultados obtidos este ano”. A vicerreitora sinala que “o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), centro de excelencia da Xunta de Galicia recoñecido como centro Cigus, segue a súa senda de traballo exitosa e de aí o posto obtido na categoría de Oceanografía”, onde se mantén entre as 200 mellores universidades (no tramo 151-200).
A Universidade de Vigo, sinala a responsable académica, “segue demostrando que nos ámbitos de investigación relacionados coas Ciencias Naturais e coas Ciencias da Vida, é una das institucións punteiras a nivel mundial. Agardamos que calquera dos centros acaden proximamente a categoría, a nivel nacional, de Unidade de Excelencia María de Maeztu”.
O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo” das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 5000 universidades de todo o mundo (das que finalmente arredor de 1900 figuran no ránking) en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional.