Máis de 150 persoas embarcáronse co CIM para coñecer de primeira man a investigación mariña

Etiquetas

Un paseo divulgativo a bordo dun barco-aula e unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla completaron as xornadas científicas organizadas ao abeiro do programa Divulgando Ciencia Singular

Novo éxito rotundo de participación nas actividades organizadas polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo ao abeiro dunha nova edición do programa Divulgado Ciencia Singular. Máis de 150 persoas desfrutaron esta fin de semana de ‘Embárcate co CIM’, un paseo divulgativo pola ría na que as e os participantes se subiron a un barco-aula e realizaron unha visita guiada pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do CIM-UVigo, para coñecer de primeira man a investigación mariña que se está levando a cabo no centro e o futuro dos océanos.

Tres quendas nas que se completaron as prazas en tempo récord na que as persoas participantes, moitas delas familias con menores, puideron navegar entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla desfrutando durante o traxecto de actividades de observación, obtención de mostras de sedimento e organismos mariños e de interesantes explicacións por parte de persoal investigador do CIM-UVigo. Xa na illa, da man de persoal técnico coñeceron os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos e a sala de bombas, ademais de poder presenciar in situ diferentes experimentos da man de científicos e científicas do CIM. Unha actividade que tivo unha grande resposta por parte do público, que regresou a porto ilusionado con todo o descuberto e encantado de poder achegarse dun xeito tan ameno e divertido ao que se está a facer dende o Centro de Investigación Mariña.

“O éxito que teñen cada ano esta actividade ou as xornadas de portas abertas ao público demóstranos que a sociedade está interesada en coñecer o que facemos, en saber o que se está a investigar ao lado da casa”, salientou Daniel Rey, director do CIM, quen recordou que “este tipo de xornadas son fundamentais para que a xente descubra a investigación de vangarda que se está a desenvolver nos Centros de Investigación da Universidade de Vigo, para visibilizar o noso potencial, para que coñeza os proxectos pioneiros nos que traballa o noso persoal investigador e, por que non, para espertar vocacións científicas entre as futuras xeracións”.

A actividade de ‘Embárcate co CIM’ completaba así a xornada de portas abertas celebrada o pasado 21 de outubro no centro comercial A Laxe, unha feira científica aberta a todos os públicos co que achegar á cidadanía á ciencia mariña e ao coñecemento sobre os océanos. Nela, as e os investigadores responsables de diferentes liñas de investigación explicaron aos nenos, nenas e persoas adultas o traballo que se realiza nos laboratorios, os avances científicos que acadan e os retos de futuro. Abordaron así, entre outros, temas como a diversidade das profundidades mariñas, o cambio climático, a dobre hélice de ADN, as idades das especies do mar ou a xeoloxía dende as dorsais oceánicas ata a praia.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.