O segundo proxecto da iniciativa ‘Scientists meet Artists’ comprende sete ilustracións sobre os principios esenciais da cultura oceánica
O proxecto Scientists meet artists naceu, como outras moitas iniciativas, no confinamento, cando as familias recorrían a internet para atopar actividades para realizar cos máis pequenos da casa buscando que, ademais dunha faceta lúdica, tivesen unha compoñente formativa. Ante a falta deste tipo de recursos, dende Campus de Mar apostaron por deseñar e poñer ao alcance da cidadanía materiais que, ademais de entreter, servisen para impulsar un mellor coñecemento dos mares e océanos. Así, xurdiu a colaboración entre 12 científicos e científicas e 12 ilustradores e ilustradoras que, traballando conxuntamente, deseñaron unha serie de láminas artísticas sobre conceptos ou procesos científicos que ocorren no medio mariño. Agora, un ano despois, o proxecto Scientists meet artists lanza unha nova proposta, bautizada como Ocean literacy, que foi presentada este martes no edificio Redeiras polo director do CIM-UVigo e do Campus do Mar, Daniel Rey e pola a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.
Esta nova iniciativa comprende sete novas ilustracións que compilan cada un dos sete principios esenciais da cultura oceánica ou alfabetización mariña, inspiradas e explicadas por tres científicas e cinco científicos do Centro de Investigación Mariña da UVigo e do Instituto Español de Oceanografía da Coruña. Trátase dunha serie de recursos didácticos accesibles libremente para a poboación, cos que se busca cubrir a falta de materias relacionadas cos océanos no ámbito da educación formal. Estas ferramentas nacen como resultado do encontro entre persoal investigador coa ilustradora Inés Vázquez, autora de cómic formada na escola O Garaxe Hermético de Pontevedra. Tras participar en diversos fanzines e colaborar en proxectos de ilustración e cómic, a súa primeira novela gráfica, Aldara, foi galardoada co Premio Follas Novas do Libro Galego 2022.
Un lugar de encontro entre ciencia e arte
No acto de presentación da colección, a vicerreitora Mónica Valderrama destacou a importancia deste tipo de iniciativas que “divulgan a ciencia e fan transferencia á sociedade”, convertendo “coñecementos que, ás veces, son máis de nicho” nalgo “perfectamente lexible e comprensible para un público moi xeralista e de diferentes idades”. Pola súa banda, o director do Campus do Mar e do CIM-UVigo, Daniel Rey, destacou que “esta iniciativa foi concibida como un lugar de encontro e diálogo entre ciencia e arte, entre a investigación e a creatividade, unha interacción que se plasma nesta colección de fichas con temas e estilos diversos” pero sempre enmarcados no que se coñece como Ocean literacy, é dicir, a cultura mariña ou alfabetización oceánica, que consta de sete principios fundamentais.
Neste sentido, Rey facía fincapé en que a misión de Scientists meet artists é “promover unha cultura oceánica que sexa participativa e transformadora” achegando recursos didácticos sobre temas oceánicos que servirán para paliar a falta deste tipo de contidos nos plans de estudo en Primaria e Secundaria.
No evento participou tamén Noelia Estévez, técnica de xestión do Campus do Mar, que presentou as láminas e explicou o proceso creativo, así como algúns das e dos investigadores implicados no proxecto, entre eles, o propio Daniel Rey, como investigador do grupo de Xeoloxía mariña e ambiental (Geoma); María Teresa de Castro, do Laboratorio de Física Ambiental (EphysLab); Emilio Rolán, do grupo de Xenética de poboacións e citoxenética e Xochitl Édua Elías, do Future Oceans Lab, xunto coa ilustradora, Inés Vázquez. Nun debate posterior á presentación das láminas explicaron como foi o proceso de creación e valoraron a súa experiencia nesta iniciativas de transferencia do coñecemento dos laboratorios á sociedade.
Os sete principios da cultura oceánica
As sete ilustracións compilan cada un dos sete principios esenciais da cultura oceánica ou alfabetización mariña. Como explicaba a técnica Noelia Estévez, as pezas están dispoñibles “a toda cor en tamaño A3, tanto en formato físico como dixital descargables na web do Campus do Mar”. No reverso e en tres idiomas explícase o principio ao que se refire cada unha delas, incluíndo tamén unha reflexión de cada un dos investigadores sobre ese concepto. As láminas tamén están dispoñibles en formato A4 e en branco e negro para colorear.
A primeira lámina baséase no feito de que a Terra ten un só grande océano con diferentes características e céntrase na análise das concas sedimentarias, da man de Soledad García Gil, investigadora do CIM-UVigo. A segunda trata de explicar que tanto o océano como a vida que contén moldean as características da terra e para iso pon o foco nas rochas e materiais xeolóxicos que se atopan en terra firme pero que se orixinaron no fondo dos océanos. Neste caso é o director do Campus do Mar e do CIM-UVigo, Daniel Rey, o investigador implicado. A terceira lámina serve para explicar a influenza que ten o océano no tempo meteorolóxico e no clima, da man de Mª Teresa de Castro Rodríguez, do CIM-UVigo, mentres a cuarta explica como o océano fixo habitable a Terra e como o mar é a orixe da vida terrestre, coa colaboración do profesor e investigador do CIM-UVigo Emilio Rolán. O quinto principio sostén que o océano mantén unha gran diversidade de vida e ecosistemas, e na súa correspondente lámina, e coa axuda de Jesús Souza Troncoso, do CIM-UVigo, explícase o papel que ten nos fondos das rías o maërl, termo bretón empregado para designar os fondos mariños formados por algas coralinas de vida libre. A sexta lámina céntrase na interconexión entre o océano e os seres humanos da man de Xochitl Édua Elías Ilosvay e Diego Salgueiro Otero, do CIM-UVigo. Para pechar o catálogo, a derradeira lámina céntrase na parte inexplorada e descoñecida do mundo mariño e aborda o modelado numérico como ferramenta para predicir cambios no ecosistema mariño, coa axuda de Manuel Ruiz Villarreal, do Centro Oceanográfico de A Coruña (IEO-CSIC).
O evento de presentación foi auspiciado polas Nacións Unidas coma actividade incluida dentro do Programa do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible.
Pincha aquí para ver o acto de presentación
Fonte:DUVI