Aínda que o Día da muller e da nena na ciencia se celebra o día 11 de febreiro en todo o mundo, o mes de febreiro está, en boa medida, dedicado na Universidade de Vigo e no Centro de Investigación Mariña a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas. Para conmemorar esta data, a Universidade programou, en colaboración coa FECYT, unha serie de actividades, tanto nos campus como en institutos, pensadas principalmente para as alumnas de secundaria. Trátase de que, por unha banda, coñezan a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación e, por outra, de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.
Diferentes investigadoras do CIM participaron mediante a impartición de máis dunha decena de charlas ou obradoiros en centros educativos da contorna. O grupo Ephyslab do CIM, ubicado no campus de Ourense, tamén se une á celebración do 11F, e faino retomando a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Escola Universitaria de Enfermaría. A cita, aberta á asistencia libre de centros educativos e familias da provincia, celebrouse o propio día na céntrica rúa do Paseo. O obxectivo foi o de proporcionar ao alumnado a posibilidade de participar na realización de experimentos científicos e tecnolóxicos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense.
A actividade divulgadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea gracias ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Nova completa no DUVI