Researchers from the Ephyslab win three of the six II Research, Transfer and Scientific Dissemination Awards granted by the Campus da Auga

No apartado de transferencia foi distinguido un estudo feito no marco da Cátedra Naturgy, dirixida por Juan Antonio Añel e Xavier Labandeira (na imaxe nun acto da cátedra con Georgina Santos )

A Vicerreitoría do Campus de Ourense fixo público este luns o nome das e dos gañadores dos II Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga. Nesta edición concedéronse cinco premios e dous accésits a seis estudos e unha iniciativa de persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo. Os galardóns, que se entregarán nunha gala que se celebrará xa en 2020, están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco do convenio de colaboración existente entre esta empresa e a Universidade de Vigo. Destes seis estudos, tres pertencen a investigadores do laboratorio de Física Ambiental (Ephyslab) do CIM-UVigo.

Tese e traballos fin de estudos

O premio á mellor tese de doutoramento foi para Novas perspectivas na aplicación dos Procesos de Oxidación Avanzada, da investigadora do grupo Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (Biosuv) Aida María Díez, actualmente en estadía en Portugal. Nela, explica a súa autora, demóstrase a eficacia dos Procesos de Oxidación Avanzada para o tratamento das augas residuais procedentes da industria e preséntanse estes procesos como unha alternativa real aos tradicionais tratamentos de remediación biolóxica nos que se empregan microorganismos que se alimentan a base das substancias contaminantes, degradándoas. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit á tese Tratamento biolóxico de compostos fenílicos, de Alicia Pérez. Na súa tese esta bióloga do Grupo de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo abordou a eliminación de compostos de tipo fenílico seguindo a estratexia de emprego de microorganismos e centrándose no reaproveitamento do bagazo de cervexa e na eliminación deste tipo de compostos nos efluentes derivados da industria téxtil.

O premio ao traballo fin de estudos máis destacado foi par ao traballo fin de mestrado Estudo da reproducibilidade computacional do CMIP5, do investigador do Environmental Physics Laboratory (Ephyslab, CIM-UVigo) Michael García. Nel analizou a reproducibilidade computacional do CMIP 5, a fase cinco do proxecto internacional de intercomparación de modelos climáticos do Programa Mundial do Clima de Nacións Unidas, que abrangue desde 2008 a 2015. “Para o informe de Nacións Unidas sobre cambio climático fanse unha serie de simulacións do clima con modelos, e eses modelos son os que eu estudei”, comenta o investigador. Froito deste traballo naceu FortranAnalyser, unha ferramenta pioneira na análise da calidade do software feito coa linguaxe Fortran. “Estou moi contento de que se recoñeza o traballo feito”, comenta Michael García tras coñecer a concesión do premio. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao traballo Automatización dun sistema hidropónico, de Daniel Rodríguez.

Constribucións, transferencia e divulgación

O galardón á mellor contribución científica foi para Increasing temperature of cooling granular gases, de Arno Formella. Trátase dun estudo publicado en Nature Communications no que os físicos Nikolai V. Brilliantov e Thorsten Pöschel xunto co enxeñeiro informático e profesor da Universidade de Vigo Arno Formella explican como en determinado tipo de gases granulares “pode producirse un efecto sorprendente: aínda que a enerxía cinética do sistema baixe continuadamente a temperatura do gas aumenta”. Ademais de identificar este efecto, no artigo explican como “xorde dunha sutil interacción entre a baixada da enerxía cinética e a redución gradual do número de graos de liberdade asociados coa dinámica das partículas”.

Na modalidade ao mellor resultado de transferencia, o premio foi para Estudo do cambio climático sobe a explotación do sistema eléctrico e a precipitación na conca Miño-Sil, de Juan Antonio Añel (Ephyslab, CIM-UVigo) e Xavier Labandeira (Economía Aplicada, UVigo), directores da Cátedra Naturgy da Universidade de Vigo. Na súa proposta recolleron o traballo investigador desenvolvido no marco desta cátedra principalmente no ano 2017, presentando, entre outras cuestións, un estudo sobre o impacto do cambio climático e a liberalización do mercado eléctrico na xestión da conca Miño-Sil no que conclúen que a xestión desta conca “é moi boa a pesar de ser unha conca que ten máis de 100 presas” e que “mellorou trala liberación do sector”. Sobre o galardón, Juan Antonio Añel salienta a importancia de fomentar a transferencia de coñecemento, facendo especialmente fincapé nos froitos que dá a transferencia que xorde da colaboración interdisciplinar.

Por último, o premio á acción ou actividades de divulgación científica foi para a Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas Exxperimenta en Feminino, iniciativa coordinada polas profesoras do campus de Ourense Julia Carballo, da Facultade de Ciencias; Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Cun formato de feira divulgativa, a iniciativa, que se desenvolve anualmente co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o 11 de febreiro, ten como obxectivo fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre rapazas e rapaces facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas. Na súa última edición participaron 90 investigadoras e universitarias dos tres centros implicados e 230 escolares. En nome de todas as persoas que fan posible esta actividade “nada desde a base”, as súas coordinadoras agradecían este luns a concesión do galardón.

Fonte: DUVI