Innovación como base para reciclarse profesionalmente

Etiquetas
DSCN6691

Especialistas procedentes de toda España participan os días 24 e 25 de outubro no curso Innovación e sustentabilidade no sector acuícola: boas prácticas, novas tecnoloxías e eco-eficiencia que se está a celebrar na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). A actividade, enfocada a mellorar a calidade do emprego dos participantes, está coorganizada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Campus do Mar e Ariema Energía y Medioambiente SL.

A formación, de dez horas de duración, transcurre en horario de tarde para facilitar a asistencia xa que está destinado preferentemente a persoal da área acuícola con interese en novas tecnoloxías e negocios sostíbeis. En total participan 35 persoas, 30 profesionais do sector e cinco especialistas da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Esta acción gratuíta enmárcase dentro do proxecto Semilla, unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo e o Programa Empleaverde que trata de inculcar ás e aos participantes novos coñecementos, unha conciencia máis sustentábel, técnicas en xestión de recursos, eficiencia enerxética, conservación da contorna e eco-innovación.

Un programa repleto de innovación

O curso presencial vai acompañado dun servizo de asesoramento a profesionais para fomentar a concienciación ambiental e os novos modelos de produción, promove os beneficios sociais e ambientais, e tamén incentiva o emprendemento e as novas capacidades dos expertos do sector acuícola. Contempla todas as fases do emprendemento e creación empresarial cunha metodoloxía diferente de actividades lúdicas, visuais e dinámicas.

Nas diferentes ponencias da primeira xornada abordáronse temas, como por exemplo, o posicionamento e as prioridades en I+D+i, os retos e oportunidades do mercado para os produtos, a problemática ambiental, os principios de sustentabilidade e ferramentas de xestión ambiental e, por último, as ferramentas de trazabilidade e etiquetado intelixente para produtos sustentábeis. Profesorado da Universitat Politècnica de Valéncia, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e da Universidade de Vigo partilla os coñecementos da materia coas persoas asistentes a este curso.

Para a segunda xornada están previstas diferentes exposicións orais, da Universidade de Vigo entre outros, nas que se abordarán temas como: as ferramentas de adaptación ao cambio climático, a saúde e o benestar, a minimización de residuos e subprodutos, as novas tecnoloxías e boas prácticas de aforro e eficiencia enerxética nas granxas, o emprego de produtos terapéuticos e interacción co medio, a nutrición e os novos pensos sustentábeis así como a selección de emprazamentos e planificación.

A través de todas estas presentacións trátase de ofertar formación empresarial que permita mellorar as capacidades laborais en sustentabilidade, eficiencia e innovación dos profesionais da acuicultura.

Fonte: duvi