Nos meses de xaneiro e febreiro de 2015, impulsada pola FAO, desenvolveuse nos montes submarinos do Atlántico sur-oriental, unha campaña oceanográfica internacional co obxectivo de localizar ecosistemas mariños vulnerables cara a súa protección. Os docentes e investigadores da Universidade de Vigo Fran Ramil e Marta Gil formaron parte do grupo e expertos internacionais en taxonomía que tomaron parte na campaña, ocupándose, a bordo do buque oceanográfico encargado de toma de mostras, das primeiras avaliacións provisionais da diversidade das mesmas. Co obxectivo de revisar esas identificacións preliminares, así como a separación e estudo dalgunhas mostras que non puideron ser procesadas a bordo por falta de tempo, vén de rematar en Cidade do Cabo (Sudáfrica) un workshop, organizado por Ramil, por encargo da FAO, no que ademais da representación da Universidade de Vigo, que participa no proxecto EcoAfrik, integrada polo propio Ramil, Marta Gil e Susana Soto, participaron expertos e expertas de Noruega, Sudáfrica e Angola.
“A valoración é moi positiva porque grazas ao grupo de expertos que nos reunimos na Universidade de Cidade do Cabo puidemos abordar o estudo dos grupos máis importantes que se recolleron durante a campaña e obter unha visión máis completa da biodiversidade na zona estudada. A implicación dos participantes na revisión e identificación das mostras foi total, traballouse a un gran nivel e, incluso, unha vez rematado o workshop, chegamos ao compromiso de seguir traballando de xeito coordinado desde o Museo da Universidade de Bergen, a Universidade de Viena e a Universidade de Vigo, para rematar o traballo”, explica Fran Ramil, desde a cidade sudafricana.
Unha primeira identificación que indicaría unha diversidade máis elevada do previsto
Ademais de deixar practicamente rematada a parte relativa á revisión das identificacións preliminares que Ramil e Gil realizaran a bordo durante a campaña, no workshop tamén se abordou a separación e estudo dalgunhas mostras recollidas na súa meirande parte na montaña submarina Vemam, que se atopa a 450 millas náuticas da costa e que dende un fondo de 4500 metros chega a menos de 40 metros de profundidade. “Neste caso, aínda que non puidemos rematar as identificacións, esta primeira aproximación parece indicar que estamos ante unha diversidade máis elevada do que pensabamos e que se acadarán resultados moi interesantes unha vez que rematemos o traballo”, explica Ramil, que apunta que é precisamente esta parte a teñen previsto desenvolver de xeito coordinado os próximos meses.
En canto aos próximos obxectivos do grupo EcoAfrik, liderado por Ana Ramos, o investigador da Universidade de Vigo apunta que agarda que a publicación dos resultados obtidos nestes últimos anos de traballo sirvan de base aos países da zona para desenvolver os seus programas de protección do medio mariño, obxectivo final do proxecto. “Cara ao futuro temos previsto continuar co estudo do arrecife de corais de augas profundas de Mauritania, neste caso en colaboración co grupo do doutor Feiwald, do Instituto Senkenberg am Meer Wilhelmshaven de Alemaña e tamén seguir colaborando no estudo do invertebrados bentónicos no eido das campañas oceanográficas da FAO nas costas occidentais de África”, detalla Ramil.
Fonte: duvi