A ECIMAT amplía os seus servizos de benestar animal

En 2012 a ECIMAT acadou a autorización como Centro Usuario de Animais de Experimentación, satisfacendo así unha das principais necesidades a nivel legal dos investigadores mariños da nosa Universidade. Dende o pasado mes de setembro de 2014, a ECIMAT ven a traballar para ampliar os servizos relacionados con a experimentación con animais no centro. Froito deste traballo, o pasado 7 de xullo de 2015, a Xunta de Galicia resolveu ampliar a Autorización da ECIMAT no relativo a experimentación con animais incluindo os laboratorios que levan a cabo investigación con animais acuáticos no Campus Lagoas-Marcosende. Desta forma, os laboratorios dos grupos de investigación en Fisioloxía de Peixes, Ecoloxía Comportamental e Neurobioloxía da Lamprea, xa anteriormente vinculados á ECIMAT, incorpóranse definitivamente á Autorización como Centro Usuario de Animais de Experimentación da ECIMAT.

A ampliación da autorización non se reduce unicamente a espazos físicos, senón que se acadou ademáis unha importante ampliación no relativo ás actividades a levar a cabo no Centro. Ademáis da utilización de animais de experimentación, xa autorizada en 2012, a nova autorización permite á ECIMAT a cría e subministro de animais de experimentación a investigadores da Universidade de Vigo ou de calquera outra institución pública ou privada. Estas actividades veñen a cubrir outra necesidade histórica dos nosos investigadores xa que en moitas ocasións os investigadores precisan de animais procedentes do medio natural ou criados nunhas determinadas condicións (sen vacinar por exemplo) motivo polo cal os animais procedentes piscifactorías comerciais non eran aptos para estes traballos.

Esta autorización supón un paso máis de cara ao cumplimento da misión da ECIMAT de prestar cada día un mellor servizo aos seus usuarios e coa visión de convertir ao centro nun referente europeo en infraestruturas para a investigación mariña.