Os últimos dous invernos que se viviron nas costas Galegas (2013-14 e 2014-15) foron particularmente dramáticos polo seu efecto sobre os areais costeiros: praias que desaparecen, dunas erosionadas, praias areentas convertidas en pedregales. Estes cambios radicais na paisaxe costeira xeran unha grande inquietude na nosa sociedade que ve impotente ante o feito de que estas zonas litorais desaparezan, poñendo en perigo as actividades económicas que sustentan, e arrasando zonas de gran valía paisaxística e ecolóxica.
Non obstante, estes eventos repítense no tempo. O inverno de 2000-01 foi un inverno duro, no que a fisionomía das nosas praias cambiou radicalmente. Como exemplo nas fotos, móstrase o estado da praia de Arealonga (Barreiros) e Corrubedo durante ese inverno. A perda de area na zona intermareal da praia de Corrubedo deixou ao descuberto unha estrutura sedimentaria coñecida como beachrock que habitualmente se encontra enterrado baixo varios metros de area. Nos meses posteriores, as praias volveron recuperar o seu estado normal e, dende entón, nunca volveu aflorar esta interesante estrutura.
Beachrock, Corrubedo. Fotografía: D. Rei
As praias son un dos ambientes sedimentarios máis dinámicos sobre a superficie terrestre. O seu funcionamento, ben coñecido polos oceanógrafos, está intimamente relacionado coas ondas e o clima marítimo. Durante o verán e en períodos de bo tempo, a praia adáptase ás condicións de baixa enerxía, acumulando a maior parte da súa area na zona supramareal ou emerxida e regalándonos unha extensa praia onde gozar de baños de sol. A pendente do perfil faise máis acusada, permitindo que as ondas alcancen a costa sen romper. En inverno, a praia actúa como unha estrutura natural de defensa costeira. Así, transporta e distribúe a súa area cara á zona submareal ou somerxida, xerando un perfil de praia extenso e moi tendido. Esta morfoloxía favorece que as ondas rompan afastadas e que a enerxía da oleaxe se vaia disipando gradualmente na súa aproximación á costa. Esta resposta ás condicións de alta enerxía supón unha perda temporal significativa de praia na zona emerxida que en casos extremos, como os vividos nestes invernos, se pode interpretar como un proceso dramático de erosión.
A. Bernabeu
Non obstante, estas variacións prodúcense estacionalmente con maior ou menor impacto dependendo do extremas que sexan as condicións de oleaxe. E cando o bo tempo volve ás nosas costas, cabe esperar que a area volva ao seu lugar, activándose un proceso de rexeneración natural das praias.
¿Ata que profundidade viaxa a area da praia?
Como diciamos, en condicións de alta enerxía ou extremas, a praia responde mobilizando area cara á parte máis profunda. Segundo os expertos, existe unha profundidade teórica ata onde a area viaxa sen perder a súa capacidade para retornar á praia. Esta profundidade coñécese como a profundidade de peche da praia. Esta profundidade de peche vén determinada polas condicións máis enerxéticas da onda, principalmente, altura e período. Polo tanto, en cada tramo de costa afectado por condicións de ondas similares poderemos definir unha profundidade de peche rexional. No caso da costa atlántica galega, a profundidade de peche das nosas praias está situada a uns 8 m de profundidade. Esta profundidade de peche depende tamén da escala temporal que consideremos, xa que a probabilidade de aparición de condicións extremas na nosa costa aumenta cando o período temporal considerado é maior. Deste modo, aquela area que por condicións excepcionais viaxe máis alá dos 8 m de profundidade, pode que non se recupere nun intervalo estacional pero podería recuperarse de novo considerando períodos de tempo máis amplos.
¿Cando é preocupante a desaparición dunha praia?
A costa mundial encóntrase nun proceso xeneralizado de erosión a longo prazo debido á diminución do aporte sedimentario dende os continentes. Non obstante, a desaparición dunha praia nun período de semanas a meses adoita estar relacionada coa intervención humana. Cando se realiza unha actuación dura, por exemplo a construción dunha infraestrutura costeira (portos, paseos, espigóns, etc.), altéranse as condicións hidrodinámicas de áreas adxacentes. Estas infraestruturas xeran zonas de sombra onde se atenúa a acción das ondas, ou poden interromper as correntes de deriva costeiras, ou xerar unha variación significativa de altura de onda ao longo da costa. Polo tanto, modifícase a hidrodinámica que afecta ás praias próximas. Neste caso, dicimos que se rompe o equilibrio entre como a praia funciona e distribúe a area, e os motores que xeran ese funcionamento (ondas e correntes). Nesta nova situación, a praia adapta o seu funcionamento e reacomoda a súa area ás novas condicións. Neste proceso, pódese perder sedimento e, polo tanto, praia emerxida ou simplemente a praia pode vascular e acumular maior volume de area nun extremo da praia, xerando un incremento de área emerxida nesta zona (ver foto).
Imaxe de “Google earth” modificada por Ana Bernabeu
Afortunadamente, os oceanógrafos ou graduados en Ciencias do Mar posúen o coñecemento e as ferramentas instrumentais e de cálculo necesarias para valorar a resposta das praias ante estes eventos extremos. E, en situacións límite, estes profesionais están capacitados para propoñer actuacións que permitan rexenerar a praia perdida, restaurando o seu uso e desfrute.
Ana Bernabeu
Grupo se Investigación GEOMA (geoma.net)
Universidade de Vigo