O mércores 22 de abril ás 11:45 o artista Mingos Teixeira imparte na ECIMAT a conferencia “Creatividade, conexión entre a Ciencia e a Arte”. Mingos é un artista autodidacta de marcado carácter persoal, obsesionado pola cor e a composición que trata de aportar, desde formulacións investigadoras e existencialistas, novos camiños expresivos e comunicativos da arte. Aínda que a súa obra é eminentemente pictórica, realiza tamén obra fotográfica, cartelismo, ilustración e deseño artístico.
É coñecido polo seu afán de achegar o mundo da arte aos máis novos, mediante publicacións, artigos, conferencias, programas educativos e culturais, etc., actividade esta que o ten levado a foros internacionais da educación artística como o “4th International Congress of Educating Cities” en Chicago , como creador e coordinador do Programa Educativo “Escola e Arte”.
Inicia a súa andadura artística no ano 1980 expoñendo no Premio “Francisco de Goya” de Madrid, realizando, dende entón, numerosos proxectos e exposicións. A súa obra está representada nunha ducia de museos e en coleccións públicas e privadas entre as que cabe destacar a Colección Thyssen Bornemisza ou a do Centro Unesco de Porto.
Paralelamente coa súa actividade artística, Mingos Teixeira desenvolveu unha intensa actividade académica no ámbito da educación artística e a creatividade.
No ano 1984 crea e dirixe a Escola de Medios Técnicos de Realización Artística na súa cidade natal, formando, desde entón, a numerosas xeracións de nenos e novos, tanto na súa Academia como a través dos Programas Educativos Escola e Arte; Arte na Aula e Crea que desenvolve o Concello de Vigo nos seus centros educativos.
En 1996 Escola e Arte é presentado no Congreso Mundial de Cidades Educadoras baixo o lema As Artes e as Humanidades como Axentes de Cambio Social sendo elixido programa modelo a aplicar nas cidades membro.
A edición e publicación de libros, artigos, unidades didácticas, etc. sobre arte e creatividade elaboradas por Mingos, nacen como resposta case obrigada para intentar dar unha maior difusión aos cursos, conferencias e charlas didácticas impartidas tanto ao público en xeral como ao profesorado a través da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
A crítica artística e o comisariado de exposicións é outra das actividades relacionadas directamente con esta actividade didáctica que o artista vén compasando co seu labor creativo.