Assessing the effect of oil spills on the dynamics of plankton community using a model

O martes 17 de setembro retomamos o ciclo de conferencias Café con Sal. Nesta ocasión será Jose González, responsable da Unidade de Oceanografía da ECIMAT, quen nos presentará, coa a conferencia “Assessing the effect of oil spills on the dynamics of plankton community using a model», como os modelos tróficos predictivos poden ser empregados como unha ferramenta sinxela para interpretar as variables non medidas empiricamente nun ecosistema mariño.

O modelado en ecoloxía mariña utilízase amplamente con fins predictivos, pero tamén se poden utilizar de forma alternativa, como unha ferramenta interpretativa para comprender os procesos involucrados na determinación da estrutura e a dinámica da cadea trófica. Neste sentido, os modelos pódense utilizar para reproducir as variables medidas, o que nos dá pistas importantes para determinar cales dos parámetros non medidos deben axustarse para reproducir as observacións. Por tanto, podemos usar o modelado para determinar as diferenzas entre comunidades ou para detectar os posibles efectos da achega de nutrientes e/ou tóxicos nunha comunidade determinada, mesmo en parámetros non medidos.

José González presentará na súa conferencia o uso dun modelo simple, o modelo  NPDZ (Nutrients- Phytoplankton- Detritus- Zooplankton), para interpretar os resultados dos experimentos de  mesocosmos realizados durante o proxecto  IMPRESIÓN na Ría de Vigo, como exemplo da aplicación interpretativa dos modelos de predición. Durante a conferencia, Jose explicará os resultados dos experimentos realizados, demostrando que o modelado é unha ferramenta poderosa para explicar as diferenzas na dinámica da comunidade entre 4 comunidades  microbianas mariñas diferentes, que permite ademais a detección de efectos tóxicos sutís, non sempre detectados pola interpretación directa de datos empíricos.

A conferencia terá lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT e será retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html, estando posteriormente dispoñible en UVigoTV e na nosa web.

Vídeos