O CIM deseñou diferentes accións co fin de formantar a interdisciplinariedade e colaboración interna do seu persoal investigador. Así, Somos CIM favorece a cohesión interna do centro con encontros informais con persoal de diferentes perfís que culminan a final de ano na Asamblea Anual CIMentos.

Somos CIM

Co obxectivo de compartir experiencias e establecer novas sinerxias nun ambiente distendido, organízanse os encontros Somos CIM. Son reunións nas que persoal de distintos perfís se une para colaborar, compartindo dinámicas de financiamento, conceptualización ou xeración de proxectos.

 

Asemblea Anual CIMentos

O 10 de novembro de 2023 tivo lugar no Campus Universitario de Vigo a I Asemblea Anual CIMentos, un evento científico organizado polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo co obxectivo de reunir a todo o persoal investigador do centro nun espazo propio para a presentación de traballos, o intercambio de coñecemento e o establecemento de colaboracións.

Durante o encontro, no que participaron máis dun centenar de investigadores e investigadoras do centro, compartíronse avances científicos a través dunha decena de comunicacións orais e 32 pósters sobre temáticas relacionadas coa acuicultura e a explotación sostible de recursos, a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, o cambio global e a contaminación, as enerxías renovables e os novos recursos e a xestión integrada da zona costeira.

Un dos principais focos deste encontro foi promover a colaboración interdisciplinaria e a investigación de vangarda, buscando fomentar a interacción entre diferentes disciplinas para abordar desafíos do entorno mariño desde múltiples perspectivas, aportando solucións innovadoras e debatendo sobre o futuro da ciencia mariña e os nosos océanos.

Este primeiro encontro científico presentouse como unha oportunidade única para establecer conexións valiosas con colegas, aproveitando un ambiente propicio para a creación de redes.

II Asemblea Anual CIMentos. 24 de outubro de 2024

O vindeiro 24 de outubro de 2024 celebrarase a II Asemblea Anual CIMentos no edificio CITEXVI do Campus Universitario de Vigo. No encontro volveremos a reunir ao persoal investigador do CIM para compartir coñecementos e buscar novas oportunidades de colaboración. Nesta nova edición contarase coa asistencia de algúns dos membros do Comité Asesor Externo (CAE) do CIM e entregaremos o Premio CIM á doutora Maria Dornelas. Esta actividade forma parte das accións do Decenio dos Océanos do Decenio das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible.

Premio CIM

O Premio CIM é un recoñecemento que busca destacar a excelencia na investigación mariña no ámbito internacional. Na súa primeira edición, o galardón será outorgado á doutora en bioloxía da Universidade de St. Andrews (Reino Unido) Maria Dornelas, que será a encargada de impartir o relatorio inaugural na II Asemblea CIMentos.

O Premio CIM foi instituído co obxectivo de recoñecer a investigadoras e investigadores cuxo traballo está a ter un impacto significativo no campo da ciencia mariña. Neste sentido, Maria Dornelas foi seleccionada como a primeira galardoada en recoñecemento ás súas contribucións pioneiras no estudo da biodiversidade, especialmente en relación coa dinámica dos arrecifes de coral e os patróns globais de biodiversidade no Antropoceno. A súa investigación non só desafiou conceptos establecidos, senón que tamén proporcionou novas perspectivas cruciais para a conservación e xestión dos ecosistemas mariños.

Axenda

Comité organizador

  • Daniel Rey García. Dirección do CIM
  • Moncho Gómez Gesteira. Área de Investigación do CIM
  • Jose Manuel García Estévez. Dirección da Ecimat
  • Cristina Quelle Gómez. Área de Innovación e Transferencia do CIM
  • Charo de la Huz Serrano. Área de Xestión e apoio á investigación do CIM
  • Marta Crespo Cruces. Área de Comunicación do CIM
  • Laura Ledo Fontán. Área de Comunicación do CIM