Entre os días 10 e 17 de novembro de 2008 tivo lugar na ECIMAT a Semana da Ciencia, adicada este ano a «As cores do Mar de Toralla». Mediante este proxecto de divulgación científica intentamos achegar a persoas alleas á vida diaria da Estación (uns 250 alumnos de varios colexios da bisbarra e outros visitantes que se achegaron á Estación durante a xornada de portas abertas) ao medio natural e o mundo da investigación. Para isto, ademais dunha visita guiada á zona intermareal da illa, contamos cun laboratorio no que realizamos unha práctica experimental cos rapaces e amosámoslles unha exposición con varios acuarios temáticos e paneis explicativos, centrándonos fundamentalmente na luz e as cores que podemos atopar nos organismos do medio mariño, intentando entender a súa función e significado.
Podedes descargar o dosier en formato pdf, un resumo fotográfico da experiencia deste ano.
SEMANA DA CIENCIA 2007
Na ECIMAT tivo lugar a Semana da Ciencia durante a semana do 12 ao 16 de novembro de 2007, dentro do proxecto «A Vida Mariña en Toralla». Pretendeuse achegar a persoas e colectivos que non teñen unha formación específica neste ámbito ao mundo da investigación mariña dunha forma amena e didáctica. Nesta semana alumnos de varios colexios da bisbarra viguesa visitaron as instalacións da Estación de Ciencias Mariñas, e puideron aprender un pouco máis sobre o medio mariño, a través de actividades levadas a cabo no propio centro e visitas a praias e rochedos da illa de Toralla. Así mesmo, na xornada de portas abertas, calquera persoa que quixo visita-lo centro tivo acceso á illa.
Descargar o dosier en formato PDF
![]() |
![]() |