O grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investgación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) e a Linnaeus University (Suecia) ofertan unha tese doutoral a realizar dentro do programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar (Campus do Mar), baixo a dirección de Sandra Martínez (CIM-UVigo) e Jarone Pinhassi (Linnaeus University, Suecia).
O proxecto de tese propón o estudo dos mecanismos involucrados na remineralización por parte das bacterias mariñas de macronutrintes esenciais como nitróxeno (N) e fósforo (P) no NO da Península Ibérica. Relacionaranse estes procesos cos fluxos de carbono e enerxía no ecosistema, así como con eventos de distintas floracións microalgais, con especial atención ás algas tóxicas. O proxecto prevé a análise de metatrasncriptomas de comunidades microplantónicas naturais do NO da Península Ibérica muestreadas no contexto do proxecto REMEDIOS, e inclúe unha aproximación innovadora na que técnicas moleculares de última xeración serán aplicadas en distintas escalas de mostraxe espacial e temporal. A investigación incorporará conceptos e discusións propias dos ámbitos da ecoloxía, xenómica, oceanografía, bioquímica e bioinformática.
O estudante non só se incorporará dentro do proxecto REMEDIOS senón que terá a oportunidade de interaccionar de maneira directa co Grupo de Oceanografía Biolóxica, o Linneus University Center for Ecology and Evolution of Microbial Model Systems e o Instituto Español de Oceanografía.
Requisitos
Cumprir os requisitos para optar a unha bolsa predoctoral da Xunta de Galicia. Entre eles posuír unha nota media de expediente académico de grao igual ou superior a 7.
Aspectos a valorar
- Grao en Bioloxía, CC do Mar, CC Ambientais (ou equivalentes).
- Grao/máster en Bioinformática, Máster en Metagenómica (ou equivalentes)
- Bo nivel de inglés
- Coñecementos de programación (R, PYTHON, MATLAB)
- Curiosidade, capacidade crítica e creatividade.
Solicitude
Envía o teu CV e expediente académico por mail a Sandra Martínez García (sandra@uvigo.es). Data límite: 15 de Decembro de 2019.