A pouco máis de 300 km fronte á costa galega atópase a chaira abisal ibérica, con profundidades de ata 1500 metros. A presenza de zonas tan profundas e tan próximas á costa facilita o estudo das zonas abisais. A cooperación científica entre a Universidade de Vigo e outras Universidades do Atlántico permite xerar as bases para comprender procesos de conectividade nun ambiente definido como a “Última Fronteira” e de cuxa biodiversidade e procesos biolóxicos en sentido amplo existe moi pouca información.
Neste contexto enmárcase a colaboración entre Marcelo Oliva, investigador adxunto do Instituto Milenio de Oceanografía da Universidade de Concepción, profesor titular da Universidade de Antofagasta e director do Programa de Doutoramento en Ciencias Aplicadas con mención en Sistemas Mariños Costeiros, e Pablo Presa, investigador do grupo de Recursos Xenéticos Mariños do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
Con motivo da súa estancia na Universidade de Vigo, Marcelo Oliva presentará parte do seu traballo en ecoloxía e evolución de parasitos mariños, os cales emprega como ferramenta para a identificación de stocks pesqueiros e o seguimento de movementos migratorios. En concreto o Dr. Oliva realizará dúas ponencias «Parásitos de peces marinos en la última frontera > 1500 m profundidad» y «Merluzas de America del Sur: vías de colonización inferidas desde sus parásitos metazoos«, nas cales tratará o seu traballo de investigación con parásitos metazoos de peixes de profundidade no norte de Chile, no que utiliza o by-catch da pesqueira artesanal do bacallau de profundidade Dissostichus eleginoides como fonte de material biolóxico.
Os traballos a presentar enmárcanse dentro da liña de Investigación “Océano Profundo” na cal se avalía o rol de parásitos dos peixes de profundidade como “marcas biolóxicas” de conectividade no Océano Profundo. Esta liña de investigación, desenvolta polo Instituto Milenio de Oceanografía, está liderada polo Dr. Rubén Escribano da Universidade de Concepción, en colaboración con Luís A. Ñacari (Perú), Juan F. Espinola- Novelo (México), estudantes de Doutoramento en Ciencias Aplicadas con mención en Sistemas Mariños Costeiros (Universidade de Antofagasta e Fabiola Sepúlveda) e Florence Droguet (Universidade de Bretaña Occidental – Francia).
As conferencias terán lugar o día 29 de novembro no salón de actos da ECIMAT de 11:00 a 12:30, cunha pausa café entre ambas. A asistencia é gratuíta e non se necesita inscrición previa.