O martes 3 de marzo, Marisela Des Villanueva, investigadora predoutoral do grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory, CIM-UVigo), presentou dentro do ciclo “Café con Sal” o relatorio How will climate change affect living organisms in the Rías Baixas?.
O cambio global nas áreas mariñas e costeiras afecta aos organismos vivos de moitas maneiras diferentes, polo que é preciso analizar as posibles e probables vulnerabilidades destes sistemas para poder establecer medidas de mitigación e adaptación. No marco do proxecto MarRisk, o EPhysLab, en colaboración coa Universidade de Aveiro (Portugal) e a universidade Rey Juan Carlos, estuda como o cambio climático pode afectar aos organismos vivos das Rías Baixas utilizando o modelo numérico Delft3D.
Dirixida por Maite de Castro (Ephyslab, CIM-UVigo), Marisela está a desenvolver a súa tese doutoral dentro do programa DO*MAR, co obxectivo de aplicar o modelo numérico Delft3D nas Rías Baixas e a costa adxacente para poder analizar a hidrodinámica da área e os efectos do cambio climático sobre os organismos que viven nela.
Durante a conferencia, Marisela Des introduciu os efectos do cambio climático no afloramento, principal factor responsable da alta produtividade das rías, e describiu os efectos do cambio climático na acuicultura do mexillón, así como os cambios na distribución de dúas especies de macroalgas, Himanthalia elongata e Bifurcaria bifurcata.
A conferencia tivo lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT tras un café e foi retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html, estando actualmente dispoñible nos enlaces amosados a continuación.
Vídeos
- Presentación de Marisela Des Villanueva Alba Hernández Otero, CIM-UVigo
- Como afectará o cambio climático aos organismos das Rías Baixas? Marisela Des Villanueva investigadora do Laboratorio de Física Ambiental (Ephyslab, CIM-UVigo)
- Turno de preguntas. Como afectará o cambio climático aos organismos das Rías Baixas? Marisela Des Villanueva investigadora do Laboratorio de Física Ambiental (Ephyslab, CIM-UVigo)