O vindeiro martes 5 de febreiro, María Fernández, investigadora predoutoral de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) do CIM-UVigo e do grupo AquaCOV do Instituto Oceanográfico de Vigo, presentará, dentro do ciclo de conferencias Café con Sal, a ponencia “Hakes of the world: clarifying the phylogenetic status of five candidate species”, na que presentará a metodoloxía e algúns dos resultados da súa tese doutoral.
A diversificación de especies mariñas e a modernización acuícola a través da innovación son imprescindibles para o desenvolvemento e sustentabilidade da acuicultura. A primeira barreira coa que se enfronta o cultivo e conservación da pescada europea é a súa controvertida identificación a nivel de especie, xa que non se coñecen claves de diagnóstico fiables inherentes a todos os especímenes dunha especie dada. Nas últimas décadas logrouse un gran avance na filoxenia de Merluccius spp. utilizando distintas dianas morfolóxicas e xenéticas. Con todo, as filoxenias construídas ata a data non reúnen todos os taxones candidatos existentes nin revelan a súa localización exacta de pesca para reconstruír unha filoxenia completa neste xénero.
Neste contexto, María Fernández está a realizar a súa tese doutoral titulada “Aplicación de la genómica y la transcriptómica al cultivo de especies candidatas en acuicultura”, co obxectivo de mellorar a trazabilidade do xénero Merluccius, caracterizar as novas especies e diferenciar os stocks rexionais. A tese, dirixida por Dr. Pablo Presa Martínez (ReXenMar, UVIGO) e a Dra. Montse Pérez Rodríguez (AquaCOV, IEO), conta co apoio económico do proxecto LETSHAKE (Ministerio de Economía y Competitividad), o Centro Singular de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (Xunta de Galicia) e a beca de formación predoutoral da Xunta de Galicia.
Durante a conferencia, María expoñerá a estrutura filoxenética completa do xénero Merluccius spp. que inclúe todas as formas e morfotipos candidatos descritos ata agora neste xénero, a metodoloxía empregada, consistente en dianas xénicas con características evolutivas distintas, e distintas estratexias de reconstrución filoxenética.
A conferencia terá lugar ás 11.00h no salón de Actos da ECIMAT e será retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html estando posteriormente dispoñible en UVigoTV.
Vídeos
- Presentación de María Fernández Alba Hernández, CIM-UVigo
- Hakes of the world: clarifying the phylogenetic status of five candidate species María Fernández, Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar)
- Turno de preguntas María Fernández, Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar)