O martes 1 de outubro, Pedro Campoy, investigador predoutoral do Grupo Ecoloxía Costeira (EcoCost, CIM-UVigo) presentará, nunha nova sesión do ciclo de conferencias Café con Sal, o relatorio “Endocrine disruption by plastic additives in sea urchin, Paracentrotus lividus“, no cal presentará parte dos resultados da súa tese doutoral.
O equipo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox), pertencente ao grupo EcoCost, traballa na avaliación integral da contaminación mariña mediante o uso combinado de ferramentas biolóxicas, química analítica, e recopilación de información ecotoxicolóxica mariña co fin de aportar fundamentos científicos que poidan ser empregados para elaborar criterios e normas ambientais para a protección dos ecosistemas mariños costeiros.
Pedro Campoy, integrado neste equipo de investigación e dirixido por Ricardo Beiras, está a desenvolver na súa tese doutoral unha ferramenta útil para avaliar a posible disrupción endocrina causada por diferentes contaminantes resultantes das augas residuais urbanas en organismos mariños, principalmente aqueles que demostraron alcanzar concentracións relevantes nos ecosistemas mariños (ditivos plásticos como ftalatos, alquilfenoles, bromatos, fosfatos, ou filtros UV). O desenvolvemento desta ferramenta céntrase en avaliar a resposta a nivel molecular e tisular (gónada, sistema dixestivo e celoma) no ourizo de mar Paracentrotus lividus durante a fase de maduración sexual.
Durante a súa conferencia, Pedro presentará os resultados preliminares dos efectos destes contaminantes sobre a fisioloxía, histoloxía e proteómica do ourizo de mar. A conferencia terá lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT e será retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html, estando posteriormente dispoñible en UVigoTV e na nosa web.
Vídeos
- Presentación de Pedro Campoy Alba Hernández, CIM-UVigo
- Interrupción endocrina por aditivos plásticos en erizo de mar, Paracentrotus lividus Pedro Campoy, EcoCost, CIM-UVigo
- Turno de preguntas Pedro Campoy, EcoCost, CIM-UVigo