«Imaxínate que estás a nadar no mar. Pensa en toda a diversidade que che rodea: algas, plantas mariñas, peixes, cangrexos, gaivotas, mexillóns… En realidade, a maior parte da diversidade do mar xa a tragaches ao romperte unha onda enriba! pois nun mililitro de auga de mar hai miles de microorganismos, dos cales, moitos son microalgas, e outros, bacterias. Xeralmente, as bacterias son beneficiosas para o ecosistema, e cando este é saudable, as bacterias nocivas mantéñense en pequenas proporcións respecto ás demais especies. Os ríos e a atmosfera (sobre todo cando chove) alimentan ás bacterias das rías con pole, po, substancias procedentes da terra… e esa maioría de bacterias beneficiosas converten estas substancias en alimento para as microalgas, que son comidas por pequenos animais do plancto, que á súa vez serve para nutrir peixes pequenos, e estos a peixes máis grandes, etc. Pero, que pasa cando rompemos o equilibrio na comida das bacterias? É dicir, que pasa cando contaminamos? Que as bacterias nocivas poden aumentar máis rápido que un brote de coronavirus!»
Con esta interesante e divulgativa conferencia de Alberto Gutiérrez Barral, investigador predoutoral do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo, bota a andar a participación do Centro de Investigación Mariña no proxecto ‘Mes do Medio e os Océanos‘, organizado por Afundación, a Obra Social de ABANCA, con motivo da celebración do Día do Medio Ambiente, 5 de xuño, e o Día dos Océanos, 8 de xuño.
A primeira charla do CIM-UVigo, titulada Como sigamos a contaminar as Rías, acabaremos con máis patóxenos ca os que xa temos terá lugar o día 9 de xuño ás 18 h, e poderá ser seguida a través das canles de #AfundacionEnCasa e do Campus do Mar.
Esta iniciativa, que conta coa colaboración do Campus do Mar, terá lugar ao longo do mes de xuño, e buscará achegar a investigación mariña a toda a familia. Ademáis de Alberto, outros dous investigadores/as do Centro de Investigación Mariña participarán no proxecto: Paulo Alcaraz e Tania Ballesteros. Os relatorios terán lugar os días 23 e 30 de xuño ás 18 h respectivamente, e emitiranse en streaming a través da canle de Afundación e o Campus do Mar. Á volta do verán retomaranse as charlas, con outra tres conferencias de persoal do CIM-UVigo.
Vídeos
- “Como sigamos a contaminar as Rías, acabaremos con máis patóxenos ca os que xa temos” Alberto Gutiérrez Barral, Oceanografía Biolóxica, CIM-UVigo