Parásitos de peixes de profundidade como indicadores de conectividade no Océano Profundo

Etiquetas
Marcelo Oliva durante a súa conferencia na ECIMAT

A pouco máis de 300 km fronte á costa galega atópase a chaira abisal ibérica, con profundidades de ata 1500 metros. A presenza de zonas tan profundas e tan próximas á costa facilita o estudo das zonas abisais. A cooperación científica entre a Universidade de Vigo e outras Universidades do Atlántico permite xerar as bases para comprender procesos de conectividade nun ambiente definido como a “Última Fronteira” e de cuxa biodiversidade e procesos biolóxicos en sentido amplo existe moi pouca información.

No marco do proxecto «Océano Profundo», Pablo Presa, investigador do grupo de Recursos Xenéticos Mariños do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, está a colaborar co especialista en parásitos de peixes de profundidade Marcelo Oliva, investigador adxunto do Instituto Milenio de Oceanografía da Universidade de Concepción, e profesor titular da Universidade de Antofagasta, co fin de avaliar o rol de parásitos dos peixes de profundidade como “marcas biolóxicas” de conectividade no Océano Profundo.

Con motivo da súa estancia na Universidade de Vigo, Marcelo Oliva, presentou o 29 de novembro de 2018 no salón de actos da ECIMAT, dúas conferencias sobre parásitos de peixes do océano profundo «Parásitos de peces marinos en la última frontera > 1500 m profundidad» e «Merluzas de America del Sur: vías de colonización inferidas desde sus parásitos metazoos«, nas cales tratou o seu traballo de investigación con parásitos metazoos de peixes de profundidade no norte de Chile, no que utiliza o by-catch da pesqueira artesanal do bacallau de profundidade Dissostichus eleginoides como fonte de material biolóxico. Na primeira conferencia Marcelo realizou unha presentación xeral de anos de traballo en parásitos mariños, desvelando aos asistentes as sorpresas atopadas, mentres que na segunda centrouse na filoxenia e o proceso de colonización das distintas especies de merluza.

O proxecto «Océano Profundo» está sendo desenvolto polo Instituto Milenio de Oceanografía e liderada polo Dr. Rubén Escribano da Universidade de Concepción, en colaboración con Luís A. Ñacari (Perú), Juan F. Espinola- Novelo (México), estudantes de Doutoramento en Ciencias Aplicadas con mención en Sistemas Mariños Costeiros (Universidade de Antofagasta e Fabiola Sepúlveda) e Florence Droguet (Universidade de Bretaña Occidental – Francia). Coa colaboración da Universidade de Vigo e o Instituto Español de Oceanografía, os investigadores arriba mencionados pretenden esclarecer o proceso de colonización da merluza de Amárica do Sur a través do estudio xenético dos seus parásitos.

Ambas ponencias están dispoñibles nos seguintes enlaces: