Investigadoras do CIM-UVigo participan nun estudo que detecta en augas galegas unha nova especie exótica con potencial invasor

Investigadoras do CIM-UVigo participan nun estudo que detecta en augas galegas unha nova especie exótica con potencial invasor

A presenza de individuos de ‘Pyura herdmani’ foi documentada en augas de Ribeira. O tunicado, orixinario de África, é quen de formar grandes agregados

Hai case unha década a catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Vexetal da UVigo Elsa Vázquez identificaba como pertencentes ao grupo de especies Pyura stolonifera uns enormes exemplares de ascidias procedentes das augas do porto deportivo de Ribeira, na ría de Arousa, enviados polos investigadores do Grupo de Estudos do Medio Mariño Bruno Almón e Jacinto Pérez. “Aínda sen saber exactamente de cal das especies se trataba, era un achado sorprendente xa que ningunha delas se describira en Europa”, explica a tamén decana da Facultade de Ciencias do Mar, que no ano 2022, ao abeiro dun proxecto europeo Assemble Plus do CIM-UVigo e coa participación de investigadores do CSIC, IEO e das universidades de Southhampton e Vigo, participou na realización de mostraxes nas Rías Baixas na procura de máis exemplares, así como de completar os estudos morfolóxicos e xenéticos para determinar a especie da que se trataba.

Froito deste traballo desenvolvido desde 2015, coa colaboración de membros do club de mergullo Hydronauta, que observaron e recolleron en 2015 e en 2019 os primeiros individuos, persoal investigador do Centro de Estudos Avanzados de Blanes (CEAC-CSIC), do Centro de Investigación Mariña da UVigo (CIM), do Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), do Instituto Español de Oceanografía (IEO,CSIC) e da Universidade de Johannesburgo publicou recentemente na revista Biological Invasions o estudo A morphogenetic characterisation of a potentially dominant African marine species in Europe, que identifica individuos do tunicado de orixe africana Pyura herdmani.

Esta especie, que ten a súa orixe nas costas do norte de África, é quen de formar grandes agregados, desprazando ás especies nativas e alterando os ecosistemas mariños, ademais de poder causar problemas económicos, como a colonización desmedida de infraestruturas mariñas. Tendo en conta a escasa capacidade de dispersión das primeiras fases de vida deste tipo de especies, a súa introdución en Europa explicase polo transporte mediado por actividades humanas, concretamente se cre que a vía máis probable de introdución podería estar asociada á flota pesqueira que operaba no banco canario-sahariano e que habitualmente recalaba en Galicia.

O proceso de invasión aínda non comezou

A catedrática da UVigo Elsa Vázquez, que xunto á tamén catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da UVigo Paloma Morán, é coautora da investigación, confirma que, segundo as mostraxes realizadas, “esta especie introducida só se estableceu no porto de Ribeira, onde a poboación mantense e é reprodutora, pero restrinxida ao foco da orixe” e envía unha mensaxe de tranquilidade porque “aínda non iniciou o proceso de invasión”.

Neste sentido, Marc Rius, investigador do CEAB-CSIC e primeiro autor do artigo sinala que “as investigacións orientadas a comprender as características da introdución artificial de especies non autóctonas, así como a súa detección temperá, revisten unha importancia fundamental á hora de determinar se estas especies se converterán en invasoras causando graves afectacións económicas e ecolóxicas”. Para Xavier Turón, tamén investigador do CEAB-CSIC e coautor do traballo, “esta información proporciona coñecementos de orientacións vitais para a xestión máis inmediata do problema, podendo orientar os esforzos de xeito máis eficaz para erradicar ou cando menos conter a dispersión destas especies”. Pola súa banda, Bruno Almón, investigador do IEO de Vigo e tamén coautor do traballo destaca a importancia de colaboración cidadá, “que é unha fonte de información moi valiosa neste tipo de estudos, especialmente de aqueles colectivos que viven en estreito contacto co mar, xa que permite detectar de forma áxil os cambios que se producen nos ecosistemas que frecuentan”.

Consecuencias dunha invasión

Elsa Vázquez incide na importancia de realizar mostraxes periódicas na procura de especies invasoras para detectalas no inicio do proceso de invasión e poder eliminalas do medio xa que, “unha vez que unha especie exótica se introduce nas nosas costas é moi difícil de erradicar e temos exemplos claros, tanto no ambiente terrestre, como a herba da pampa ou a uña de gato, como no acuático”.

No caso de producirse unha invasión de Pyura herdmani, baseándose na súa distribución nas súa localidades orixes, podería tapizar os primeiros metros das superficies rochosas dos primeiros metros do sublitoral e desprazar especies autóctonas como algas, esponxas ou mexillóns. “En calquera caso, habería que estudar os fenómenos de competencia con outras especies antes de facer ningún prognóstico”, explica a catedrática da UVigo. En relación coa afectación a infraestruturas mariñas, ao tratarse dunha especie bastante grande, “atopamos individuos de ata 25 centímetros”, confirma Vázquez, podería engadir moito peso ás estruturas flotantes, como peiraos ou  cascos de embarcacións.

Fonte: DUVI