O investigador do CIM Gianluca Marino é coautor dun estudo que resolve un dos enigmas dos ciclos das idades do xeo do último millón de anos

O investigador do CIM Gianluca Marino é coautor dun estudo que resolve un dos enigmas dos ciclos das idades do xeo do último millón de anos

Publicado en Nature Communications, o traballo resolve unha paradoxa da teoría de Milanković e permitiría predicir con maior precisión o clima futuro

O investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), Gianluca Marino, forma parte do equipo internacional de científicos que descubriu que un período cálido prolongado no Atlántico Norte provocou o desxeo en Groenlandia, o que fixo que o nivel do mar subise máis de dez metros por encima do actual hai uns 400.000 anos. O estudo, que foi publicado na revista Nature Communications, resolve un dos enigmas dos ciclos das idades do xeo do último millón de anos.

Xa na primeira metade do século XX, o matemático serbio Milutin Milanković postulou unha teoría para explicar estes ciclos. Sostiña que se derivan de cambios a longo prazo na radiación recibida do Sol no verán. Unha radiación solar de verán máis forte derrite as grandes capas de xeo formadas en América do Norte e Eurasia durante unha era glacial, causando climas cálidos similares ao presente, nos cales o xeo só se atopaba en Groenlandia e a Antártida. Pero hai 400.000 anos, a maior parte do xeo de Groenlandia desaparecera a pesar de que a radiación solar de verán era débil, o que desconcertou á comunidade científica, aparentemente refutando a teoría de Milanković.

A este respecto, o investigador do CIM destacou que “comprender as causas do intervalo cálido que ocorreu hai 400.000 anos, coñecido como o estadio isotópico mariño 11, é clave para entender os ciclos das eras glaciais”. “Durante o estadio isotópico mariño 11, a teoría de Milanković, na súa formulación máis estrita, non logra explicar por que o clima se quentou tanto e o xeo de Groenlandia case desapareceu por completo, cando a radiación solar era tan débil”, engadiu.

Colaboración internacional

O equipo científico do que formou parte Gianluca Marino incluía institucións académicas de clase mundial en Asia, Europa e Australia e estaba liderado polo Doutor Hsun-Ming Hu, un investigador postdoutoral no grupo do Profesor River Shen na Universidad Nacional de Taiwán, onde dominan unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos cunha precisión sen igual ata hai 600.000 anos. Aplicaron esta técnica a carbonatos de cova, chamados espeleotemas, do noroeste de Italia, e atoparon que as latitudes medias se quentaron, aínda que moderadamente, moito antes de hai 400,000 anos e levaron calor cara Groenlandia durante 15.000 anos a través dun sistema de correntes oceánicas coñecido como “circulación de vuelco meridional do Atlántico”. Este sistema de correntes inclúe un fluxo de auga cálida que transfire calor cara as altas latitudes no Atlántico Norte e opera hoxe en día mantendo o oeste de Iberia e Galicia máis cálidas do esperado para as súas latitudes.

Gianluca Marino comentou que “neste estudo atopamos que o transporte de calor cara as altas latitudes do Atlántico Norte polas correntes oceánicas mantivo as temperaturas cálidas, desestabilizando lentamente a capa de xeo de Groenlandia ata case desaparecer. Este mecanismo fora pasado por alto ata o de agora”.

O científico explicou que “todo comezou cando o autor principal, o doutor Hsun-Ming Hu, daquela estudante predoutoral no Departamento de Ciencias da Terra da Universidad Nacional de Taiwán baixo a dirección do Profesor Chuan-Chou Shen, contactou comigo porque coñecía o meu traballo e quería utilizar algúns métodos estadísticos e interpretativos que se empregan no Palaeoclimatology Lab do CIM no seu proxecto centrado nos espeleotemas da cova de Bàsura en Liguria, ao norte de Italia”.

Concretamente, Gianluca Marino achegou o seu coñecemento sobre o papel do océano no cambio (paleo) climático e traballando en colaboración con Hsun-Ming Hu para descifrar a secuencia de eventos que derretiu o xeo de Groenlandia hai 400.000 anos. O investigador do CIM aclarou que “principalmente contribuín cunha análise cuantitativa dos datos e compartín o coñecemento adquirido sobre os ciclos das idades do xeo durante proxectos anteriores. A análise cuantitativa dos datos, xunto coas técnicas analíticas de vangarda, son aspectos clave do traballo”.

Un avance para predicir o clima futuro

“O clima hai aproximadamente 400.000 anos era bastante similar ao noso clima preindustrial. Por tanto, o derretimiento case completo da capa de xeo de Groenlandia que ocorreu entón podería definitivamente repetirse”, afirmou Gianluca Marino. A este respecto o científico indicidiu en que “este intervalo é crucial para a comunidade climática por esa razón. Con todo, hai un aspecto que considero aínda máis relevante e que debería interesar á comunidade de modelado climático. Se logran simular o derretimiento total de Groenlandia, incluíndo todas as condicións e procesos que destacamos no noso estudo, entón poderemos ter unha maior confianza en como eses mesmos modelos predín o clima futuro”.

Gianluca Marino quere continuar co traballo realizado. “A idea é examinar detidamente estes destacados episodios de cambio climático co mesmo nivel de detalle, ou mesmo mellor, que o logrado neste estudo. Isto permitiranos descifrar os procesos que controlan os ciclos das idades de xeo, así como o papel da radiación solar, a circulación oceánica e o ciclo do carbono”.

O científico salientou que “esperamos que a comunidade de modelado comece a incorporar o mecanismo que documentamos no noso estudo nos seus modelos climáticos para investigar as causas das idades de xeo”.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.