Unha nova axuda da FECYT permítelle áo CIM seguir impulsando actividades que achegan a ciencia á cidadanía

Unha nova axuda da FECYT permítelle áo CIM seguir impulsando actividades que achegan a ciencia á cidadanía

Será a través dos proxectos Iberarenum e impactARTE

A Universidade de Vigo acaba de conseguir financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, FECYT, para desenvolver sete proxectos no marco da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. A axuda alcanzada supera nesta ocasión os 200.000 euros, 50.000 euros máis que na anterior edición, cando a institución académica viguesa xa conseguira bater o seu propio récord coa consecución de sete axudas por un importe de 150.000 euros. Son os mellores datos acadados pola UVigo nesta convocatoria, unha das poucas que existen, tanto a nivel nacional como internacional, específicas para divulgación e, derivado disto, tamén unha das máis competitivas.

Iberia nun gran de area, Iberarenum e ImpactARTE

Dúas das novas propostas chegan da man do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo: Iberia nun gran de area, Iberarenum e ImpactARTE.  A primeira, Iberarenum, é un proxecto posto en marcha en coordinación coa Asociación de Oceanógrafos de Galicia  e que nace co obxectivo de implicar activamente á cidadanía na creación dun banco nacional de areas de praia. A idea é crear unha plataforma web na que as persoas participantes terán á súa disposición información sobre como realizar a mostraxe nunha praia e os datos que é necesario recompilar para poder catalogar correctamente a mostra mediante un sinxelo dossier de instrucións e un vídeo explicativo protagonizado por unha investigadora ou técnica preferiblemente, para visibilizar as figuras científicas femininas.

No caso de ImpactARTE, coordinado pola profesora Ángela Fontán, trátase dunha iniciativa de divulgación arte-ciencia-sociedade que expón un espazo colaborativo entre investigadores/as mariños e historiadores, ilustradores e entidades patrimoniais e culturais españolas (museos, asociacións…) para identificar e mostrar os impactos do clima marítimo no litoral en obras artísticas do pasado e crear ferramentas divulgativas que acheguen a ciencia e a arte á sociedade. Esta colaboración culminará ademais co desenvolvemento dun xeoportal interactivo no que se expoñerán as obras de arte identificadas e o significado científico dos trazos do clima marítimo observado e os impactos costeiros asociados.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI